Á GAITA GALLEGA
—
RESPOSTA
Á ó eminente poeta D. Ventura Ruiz de Aguilera.
I
Cand’ este cantar, poeta,
Na lira xemendo entonas,
Non sei ó que por min pasa
Qu’ as lagrimiñas m’ afogan,
Qu’ ante de min cruzar vexo
Á virxen-mártir qu’ invocas,
C’ ôs pes cravados d’ espiñas
C’ âs mans cubertas de rosas.
En vano á gaita tocando
Unh’ alborada de groria
Sóns pó-los aires espalla
Que cân nas tembrantes ondas;
En vano baila contenta
Nas eiras á turba louca,
Qu’ aqueles sóns, tal m’ afrixen,
Cousas tan tristes me contan,
Qu’ eu podo decirche
Non canta, que chora.
II
Vexo contigo estos ceos,
Vexo estas brancas auroras,
Vexo estes campos froridos
Donde s’ arrullan as pombas,
Y estas montañas xigantes
Qu’ aló c’ âs nubes se tocan
Cubertas de verdes pinos
E de froliñas cheirosas;
Vexo esta terra bendita
Dond’ ó ben de Dios rebota
E dond’ anxiños hermosos
Tecen brillantes coroas;
Mas ¡ay!, como tamén vexo
Pasar macilentas sombras
Grilos de ferro arrastrando
Antre sorrisas de mofa,
Anque mimosa gaitiña
Toqu’ alborada de groria,
Eu podo decirche
Non canta, que chora.
III
Falas, y ó meu pensamento
Mira pasar temerosas
As sombras d’ eses cen portos
Qu’ ô pe d’ as ondiñas moran.
E pouco á pouco marchando
Fráxiles, tristes e soyas,
Vagar as naves soberbas
Aló nunha mar traidora.
Y ¡ay!, como nélas navegan
Os fillos d’ as nosas costas
Con rumbo á América infanda
Qu’ á morte c’ o pan lles dona,
Desnudos pedindo en vano
Á patria misericordia,
Anque contenta á gaitiña
O probe gaitero toca,
Eu podo decirche
Non canta, que chora.
IV
Probe Galicia, non debes
Chamarte nunca española,
Qu’ España de ti s’ olvida
Cando eres, ¡ay!, tan hermosa.
Cal si na infamia naceras,
Torpe, de ti s’ avergonza,
Y á nay qu’ un fillo despreça
Nay sin coraçón se noma.
Naide por que te levantes
Ch’ alarga á man bondadosa;
Naide os teus prantos enxuga,
Y homilde choras e choras.
Galicia, ti non tés patria,
Ti vives no mundo soya,
Y á prole fecunda tua
S’ espalla en errantes hordas,
Mentras trist’ e solitaria
Tendida na verde alfombra
O mar esperanzas pides,
De Dios á esperanza imploras.
Por eso anqu’ en son de festa
Alegre á gaitiña s’ oya,
Eu podo decirche
Non canta, que chora.
V
«Espera, Galicia, espera»
¡Cánto este grito consola!
Páguecho Dios, bon poeta,
Mais é unha esperanza louca;
Qu’ antes de qu’ os tempos cheguen
De dicha tan venturosa,
Antes que Galicia suba
C’ á cruz qu’ ó seu lombo agobia
Aquel difícil camiño
Qu’ ô pé d’ os abismos toca,
Quisáis cansada e sedenta,
Quisáis que d’ angustias morra.
Págueche Dios, bon poeta,
Esa esperanza de groria,
Que de teu peito surxindo,
Á virxen-mártir coroa,
Y esta á recompensa sea
D’ amargas penas tan fondas.
Páguech’ este cantar triste
Qu’ as nosas tristezas conta,
Que soyo ti..., ¡ti entre tantos!,
D’ as nosas magoas s’ acorda.
¡Dina voluntad d’ un xenio,
Alma pura e xenerosa!
E cando á gaita gallega
Aló nas Castillas oyas,
O teu coraçón pergunta,
Verás que che di en reposta
Qu’ a gaita gallega
Non canta, que chora.