XXXI
I
Si á vernos, Marica, nantronte viñeras
A festa d’ o Seixo n’ a beira d’ o mar,
Ti riras, Marica, cal nunca te riches
Debaixo d’ os pinos d’ o verde pinar.
—
A sombra d’ os pinos, Marica, ¡qué cousas
Chistosas pasaron!, ¡qué rir toleirón!
Relouca d’ arriba, relouca d’ abaixo,
Iñamos, viñamos y ó bombo... ¡pon!..., ¡pon!
—
As cóchegas brandas, as loitas alegres,
Os berros, os brincos, os contos sin fel,
Todiños peneques, alegres todiños...
Y á Nosa Señora detrás d’ o tonel.
II
¡Coitada!, ¡qué festa brandida perdeche!...
Cantaras, beberas, dormiras, y así
N’ un feixe miraras rolar xuntamente
Mociños e vellos d’ aquí par’ alí.
—
Có á vista trubada, c’ os ollos dormentes
Sorrindo, comendo, pifando e ainda máis,
¡Qu’ apertos, qu’ olladas tan chuscas trocaban
As nenas de xenio c’ os mozos de Cáis!
—
Debaixo d’ os ricos pareauguas de seda
Qu’ abertos formaban tamaño rodel,
Todiños chispados, ¡qué cosas decían!
Y á Nosa Señora detrás d’ o tonel.
III
Mais ela de cote tan grav’ e soberba,
Tan fina d’ oído, tan curta de mans,
Xordiña quedara, falando por sete,
Con probes e ricos, con porcos e cans.
—
Meu amo folgando de tanta largueza,
Que n’ era costume na dona tal ver,
Tamén, ¡miña xoya!, saltando da burra,
¡Pin!, ¡pan!, río arriba botouse á correr.
—
Y á dona sorría con ollo entraberto,
Comendo castañas e viño con mel...
¡Qué festa, Marica!... Todiños peneques...
Y á Nosa Señora detrás d’ o tonel.