VIII
Un repoludo gaitero
De pano sedán vestido,
Com’ un príncipe cumprido,
Cariñoso e falangueiro,
Antr’ os mozos o pirmeiro
E nas siudades sin par,
Tiña costum’ en cantar
Aló pó-la mañanciña:
Con esta miña gaitiña
As nenas ei d’ engañar.
Sempre pó-la vila entraba
Con aquel de señorío,
Sempre con poxante brío
Co tambor s’ acompasaba:
E si na gaita sopraba,
Era tan doçe soprar,
Que ven fixera en cantar
Aló pó-la mañanciña:
Con esta miña gaitiña
As nenas ei d’ engañar.
Todas por él reloucaban,
Todas por él se morrían,
S’ ó tiñan cerca, sorrían,
S’ ó tiñan lonxe, choraban.
¡Mal pecado!, non coidaban
Que c’ aquel seu frolear
Tiña costum’ en cantar
Aló pó-la mañanciña:
Con esta miña gaitiña
As nenas ei d’ engañar.
Camiño da romería,
Debaixo d’ unha figueira,
Canta meniña solteira
¡Quérote!, lle repetía...,
Y él c’ á gaita respondía
Por á todas envoucar,
Pois ven fixeira en cantar
Aló pó-la mañanciña:
Con esta miña gaitiña
As nenas ei d’ engañar.
Elas louquiñas bailaban
E por xunta d’ él corrían,
Cegas..., cegas que no vían
As espiñas qu’ as cercaban;
Probes palomas, buscaban
A luz qu’ as iba queimar,
Pois qu’ él soupera cantar
Aló pó-la mañanciña:
Ó son da miña gaitiña
As nenas ei d’ engañar.
¡Nas festas, cánto contento!
¡Cánta risa nas fiadas!
Todas, todas namoradas
Deranll’ ó seu pensamento;
Y él que d’ amores sedento
Quixo á todas engañar,
Cand’ as veu dimpois chorar
Cantaba nas mañanciñas:
Non sean elas toliñas,
Non veñan ô meu tocar.