XI
Campanas de Bastabales,
Cando vos oyo tocar,
Mórrome de soidades.
I
Cando vos oyo tocar,
Campaniñas, campaniñas,
Sin querer torno á chorar.
—
Cando de lonxe vos oyo,
Penso que por min chamades,
E das entrañas me doyo.
—
Dóyome de dor ferida,
Qu’ antes tiña vida enteira
Y oxe teño media vida.
—
Sólo media me deixaron
Os que d’ aló me trouxeron,
Os que d’ aló me roubaron.
—
Non me roubaran, traidores,
¡Ay!, uns amores toliños,
¡Ay!, uns toliños amores.
—
Qu’ os amores xa fuxiron,
As soidades viñeron...
De pena me consumiron.
II
Aló pó-la mañanciña
Subo enriva dos outeiros
Lixeiriña, lixeiriña.
—
Com’ unha craba lixeira,
Para oir das campaniñas
A batalada pirmeira.
—
A pirmeira d’ alborada
Que me traen os airiños,
Por me ver máis consolada.
—
Por me ver menos chorosa,
Nas sus alas má traen
Rebuldeira e queixumbrosa.
—
Queixumbrosa e retembrando
Por antr’ a verd’ espesura,
Por antr’ o verde arborado.
—
E pó-la verde pradeira,
Por riba da veiga llana
Rebuldeira e rebuldeira.
III
Paseniño, paseniño,
Vou pó-la tarde calada,
De Bastabales camiño.
—
Camiño do meu contento;
Y en tant’ o sol non s’ esconde,
Nunha pedriña me sento.
—
E sentada estou mirando
Cóm’ á lua vay sahindo,
Cóm’ ó sol se vay deitando.
—
Cál se deita, cál s’ esconde,
Mentras tanto corre á lua
Sin saberse para dónde.
—
Para dónde vay tan soya,
Sin qu’ á os tristes qu’ á miramos
Nin nos fale nin nos oya.
—
Que si oira e nos falara,
Moitas cousas lle dixera,
Moitas cousas lle contara.
IV
Cada estrela, o seu diamante;
Cada nube, branca pruma,
Trist’ á lua marcha diante.
—
Diante marcha crarexando
Veigas, prados, montes, ríos,
Dond’ ó día vay faltando.
—
Falt’ ó día, e noit’ escura
Vaixa, vaixa pouc’ á pouco,
Por montañas de verdura.
—
De verdur’ e de follaxe,
Salpicada de fontiñas
Vaixo á sombra do ramaxe.
—
Do ramaxe donde cantan
Paxariños piadores,
Que c’ aurora se levantan.
—
Que c’ á noite s’ adormecen
Para que canten os grilos
Que c’ as sombras aparecen.
V
Corre ó vento, ó río pasa,
Corren nubes, nubes corren
Camiño da miña casa.
—
Miña casa, meu abrigo:
Vanse todos, eu me quedo
Sin compaña nin amigo.
—
Eu me quedo contemprando
As laradas d’ as casiñas
Por quen vivo sospirando.
—
Ven á noite..., morre ó día,
As campanas tocan lonxe
O tocar d’ Ave María.
—
Elas tocan pra que rece,
Eu non rezo, qu’ os saloucos
Afogándome parece
Que por min tên que rezar;
Campanas de Bastabales,
Cando vos oyo tocar,
Mórrome de soidades.