XII
I
Vint’ unha crara noite,
Noitiña de San Xoán,
Poñend’ as frescas herbas
Na font’ á serenar.
E tan bonit’ estabas,
Cal rosa no rosal,
Que d’ orballiño fresco
Toda cubert’ está.
Por eso namorado,
Con manso sospirar
Os meus amantes brazos
Voteiche pó-lo ban.
E ti con doçes ollos
E máis doçe falar,
Meiguiña m’ envoucastes
En pracido solás.
As estrelliñas todas
Qu’ aló no espaço están,
Sorrindo nos miraban
Con soave craridá.
E foron, ¡ay!, testigos
D’ aquel teu sospirar
Qu’ ô meu correspondía
Con amoriño igual.
Pero dempois con outros
Máis majos e galans
(Mais non que máis te queiran,
Qu’ haber non haberá),
Tamén, tamén, meniña,
Soupeches praticar
A sombra dos salgueiros
Cabo do romeiral.
Por eso eu che cantaba
En triste soledá,
Cando, ¡ay de min!, te vía
Con eles parolar.
Coida, miña meniña,
Das práticas que dás,
Que donde moitos cospen,
Lama fan.
II
¡Qué triste agora te vexo!...
¡Qué triste, nena, estás!...
¿Os teus frescos colores,
Dónde, meniña, van?
¿O teu mirar sereno,
O teu doçe cantar,
Dónde, meniña, dónde,
Coitada toparás?
Xa non te vin, meniña,
Na noite de San Xoán
Poñend’ as frescas herbas
Na font’ á serenar.
Xa non te vin fresquiña
Cal rosa nó rosal,
Que muchadiña estabas
De tanto saloucar.
Hôra de dor ferida
Buscando á honriña vas,
Á honriña que perdeches,
Mais ¿quén ch’ á volverá?
Eu ben, miña meniña,
Ben ch’ á quixera dar,
Qu’ aquel que ben te quixo
Dóise de verte mal.
Mais anque dir, eu diga,
Que limpa, nena estás,
Respóndenme sorrindo
Por se de min bulrar.
«Ben sabes, Farruquiño,
Farruco dó Pombal,
Que donde moitos cospen,
Lama fan.»