I
As de cantar
Que ch’ ei de dar zonchos;
As de cantar
Que ch’ ei de dar moitos.
I
«As de cantar,
Meniña gaiteira,
As de cantar,
que me morro de pena.
Canta, meniña,
Na veira da fonte,
Canta, dareiche
Boliños do pote.
Canta, meniña,
Con brando compás,
Dareich’ unha proya
Da pedra do lar.
Papiñas con leite
Tamén che darei,
Sopiñas con viño,
Torrexas con mel.
Patacas asadas
Con sal e vinagre,
Que saben á noces,
¡Qué ricas que saben!
¡Qué feira, rapaza,
Si cantas faremos!...
Festiña por fora,
Festiña por dentro.
Canta si queres,
Rapaza do demo,
Canta si queres,
Dareich’ un mantelo.
Canta si queres,
Na lengua qu’ eu falo,
Dareich’ un mantelo,
Dareich’ un refaixo.
Có son da gaitiña
Có son da pandeira,
Che pido que cantes,
Rapaza morena.
Có son da gaitiña,
Có son do tambor,
Che pido que cantes,
Meniña, por Dios.»
II
Así mô pediron
Na veira do mar,
O pe das ondiñas
Que veñen e van.
Así mô pediron
Na veira do río
Que corr’ entr’ as erbas
Do campo frorido.
Cantaban os grilos,
Os galos cantaban,
O vento antr’ as follas
Runxindo pasaba.
Campaban os prados,
Manaban as fontes
Antr’ erbas e viñas,
Figueiras e robres.
Tocaban as gaitas
O son das pandeiras,
Bailaban os mozos
Cás mozas modestas.
¡Qué cofias tan brancas!
¡Qué panos con freco!...
¡Qué dengues de grana!
¡Qué sintas!, ¡qué adresos!
¡Qué ricos mandiles!
¡Qué verdes refaixos!...
¡Qué feitos xustillos
De cor colorado!
Tan vivos colores
A vista trubaban,
De velos tan váreos
O sol se folgaba.
De velos bulindo
Por montes e veigas,
Coidou qu’ eran rosas
Garridas e frescas.
III
Lugar máis hermoso
Non houbo na terra
Qu’ aquel qu’ eu miraba,
Qu’ aquel que me dera.
Lugar máis hermoso
No mundo n’ hachara,
Qu’ aquel de Galicia,
Galicia encantada.
Galicia frorida,
Cal ela ningunha,
De froles cuberta,
Cuberta de espumas.
D’ espumas qu’ o mare
Con pelras gomita,
De froles que nacen
O pe das fontiñas.
De valles tan fondos,
Tan verdes, tan frescos,
Qu’ as penas se calman
No máis que con velos.
Qu’ os ánxeles neles
Dormidos se quedan,
Xa en forma de pombas,
Xa en forma de niebras.
IV
Cantart’ ei, Galicia,
Teus doçes cantares,
Qu’ así mô pediron
Na veira do mare.
Cantar t’ ei, Galicia,
Na lengua gallega,
Consuelo dos males,
Alivio das penas.
Mimosa, soave,
Sentida, queixosa;
Encanta si ríe,
Conmove si chora.
Cal ela, ningunha
Tan doçe que cante
Soidades amargas,
Sospiros amantes.
Misterios da tarde,
Murmuxos da noite:
Cantar t’ ei, Galicia,
Na veira das fontes.
Qu’ así mô pediron,
Qu’ así mô mandaron,
Que cant’ e que cante
Na lengua qu’ eu falo.
Qu’ así mô mandaron,
Qu’ así mô dixeron...
Xa canto, meniñas,
Coidá que comenso.
Con doçe alegría,
Con brando compás,
O pe das ondiñas,
Que veñen e van.
Dios santo premita
Qu’ aquestes cantares,
D’ alivio vos sirvan
Nos vosos pesares.
De amabre consolo,
De soave contento,
Cal fartan de dichas
Compridos deseyos.
De noite, de día,
N’ aurora, na sera,
Oiresme cantando
Por montes e veigas.
Quen queira me chame,
Quen queira m’ obrige,
Cantar, cantareille
De noit’ e de día,
Por dalle contento,
Por dalle consolo,
Trocand’ en sonrisas
Queixiñas e choros.
Buscaime, rapazas,
Velliñas, mociños,
Buscaim’ antr’ os robres,
Buscaim’ antr’ os millos.
Nas portas dos ricos,
Nas portas dos probes,
Qu’ aquestes cantares
A todos responden.
A todos, qu’ á Virxen
Axuda pedín,
Por que vos console
No voso sufrir.
Nos vosos tormentos,
Nos vosos pesares.
Coidá que comenso...
¡Meniñas, Dios diante!