XXII
Mais ó que ben quixo un día,
Si á querer ten afición,
Sempre lle queda unha magoa
Dentro do seu coraçón.
I
Aló nas tardes serenas,
Aló nas tardes caladas,
Fanse máis duras as penas
Que nas brandas alboradas.
—
Aló nas tardes sombrisas,
Aló nas tardes escuras,
Fanse máis cortas as risas,
Máis negras as desventuras.
—
Que non hay sera tranquila
Para quen remorsos garda,
E máis presto s’ aniquila
Canto máis á noite agarda.
II
Eu ben sei d’ estos secretos
Que s’ esconden nas entrañas,
Que rebolen sempre inquietos
Baixo mil formas extrañas.
—
Eu ben sei d’ estes tormentos
Que cosomen e devoran,
Dos que fan xemer os ventos,
Dos que morden cando choran.
—
Y anqu’ hora sorrindo canto,
Anqu’ hora canto con brío,
Tanto chorey, chorey tanto,
Com’ as auguiñas d’ un río.
—
Tiben en pasados días
Fondas penas é pesares,
E chorey vagoas tan frías
Com’ as auguiñas dos mares.
—
Tiben tan fondos amores
E tan fondas amarguras,
Qu’ era fonte de dolores
Nacida entre penas duras.
III
Hora río, hora contento,
Vou pó-las eiras cantando,
Vendo d’ onda ven ó vento
Cando vou levar ó gando.
—
Hora con grande sosiego
Durmo na veira d’ as fontes,
Durmo na veira d’ os regos,
Durmo na punta d’ os montes.
—
Mais ó que ben quixo un día,
Si á querer ten afición,
Sempre lle queda unha magoa
Dentro do seu coraçón.