* * *
I
Era n’o mes de Mayo,
N’o mes d’o amor, d’as prantas e d’as frores,
Mes d’os soaves prefumes
Y os trasparentes cores.
D’os trinos matinais d’os paxariños,
D’as cándidas e frescas alboradas,
D’as pasaxeiras nubes,
E d’as tardes sorrintes e douradas.
Cand’o mar está azul, o ceo sereno
Com’o dormir d’un neno,
Manso-l-os rios, alta-l-as estrelas,
Mais desvaida a lua
Si tamen mais fermosa,
C’o aquela gracia sin igual que é sua,
Y era en fin cando todo n’esta vida
Sorrí ôs mortais c’a alegre, esplendorosa
Sorrisa virxinal d’a primadera
Que amar y á ser dichoso-l-os convida.
Á todos... ¡ay! quixera
Que así a sorte o fixera,
Mais algun hay qu’envolto n’a negrura
D’a sua propia tristura,
Tan soyo vé, d’a primadera hermosa,
N’o sol morno e n’a rosa
C’o fresc’orballo d’a mañan cuberta,
Un trist’e mal agoiro que desperta
Pensamentos de loito e desventura.
II
Era n’un-ha mañan d’o mes de mayo
En que parés que os ánxeles cantaban,
Mentras mansa-l-as brisas se queixaban
Con amoroso layo:
En que o rego ô pasar po-las curtiñas
Non sey que cousas mormuraba leve,
Y o voar d’as inquietas anduriñas
Que n’os aires chiaban,
 vista d’os nubeiros sabidores
Venturas e contentos agoiraba:
Mañan d’encantos cheya
Cal o esprito as deseya,
Cando espera e confia:
Mañan que chama á toda crás de seres
Ô pracer y â alegría,
Menos â triste yalma,
Que dendes qu’ é, non sabe
Qu’ é ter sosego ou calma,
Dond’a dozura d’o gozar comence
Dond’a crudeza d’a delor acabe.
III
D’a Garda, anxel bondoso,
Qu’as brancas alas paseniño bates
Ô rededor d’o acongoxado esprito,
Pra derramar en él santos consolos
Que nos trâs d’o infinito,
¿En donde, en dond’estabas
Qu’antre negros querbantos
Soya, un alma tristisima deixabas?
Fé, esperanza, virtudes,
Orixen d’as eternas beatitudes,
E que dendes rexiós mais venturosas
Vindes calmar as amarguras nosas...
¿Dond’estades, en donde?
¿Cand’o qu’en vos confia,
Soyo, en loita c’o as ansias d’a agonia,
Orfo vos chama, e naide lle responde?
IV
Por aqueles que odiaba perseguido,
Po-los que amaba odiado,
Un triste á dura sorte condenado
Contempraba d’o cántabro a bravura
Con un ollar profundo,
Cal si tras de tan fonda sepultura
Entrevise as anchuras d’o outro mundo.
E con ánimo forte,
D’o liquido cristal hastra tocalo,
En carreira chegou vertixinosa
Cal s’atraison d’o abismo misterioso,
Con forza estraña o conduxese â morte.
E dixo:—¡Vida, adios! ¡adios, tormento
Que con martirio lento,
M’arrancache astr’os soños d’a esperanza,
D’a desventura miña
Vou á crebar o brazo poderoso,
Alí donde n’hay dor, nin hay mudanza,
E s’enterra a inquietude n’o reposo!
¡E ti, mala pasion qu’en min te cebas
E foches o meu Dios y o meu castigo,
Xa que me quês matar, morre conmigo!
Calou o triste, e inmensas, pavorosas
C’as suas crins espumosas,
Retorcerons’as ondas po-la area
Incitand’ô coitado
Á dar fin â pelea
Que houbera n’o seu peito encomenzado.
Mais un brando sonido
Fireu de pronto o contrubado oido
D’aquel ser desdichado...
E escoitou asombrado
D’un invisible ser a fala hermosa
Que con branda e celeste melodía,
Soave e mainamente lle decia:
—«¡Detente ô pé d’a orela
D’a tua vida, cobarde centinela,
Non queiras por fuxires d’o presente
D’a eternidade descorré-l-os velos!
Agarda á que a medida
Con rosas ou con fel, henchas d’a vida,
Nin fagas que n’a tomba se derrame
Antes que Dios ch’a pida.
Que ningun fillo d’Eva
Ô fin s’ha de librar d’o seu penare
Anque â morte s’astreva.
Despois d’atravesare
Os desertos inmensos d’o infinito,
Ô mundo volverias en esprito
Á sofrir, y o teu crimen á pagare.
As noites tras d’os dias
Sin descanso nin tregua
Apegado á aquel seo te verias,
D’o ingrato corazon vend’os batidos
Non por ti, mais por outros repetidos.
En’aquel pensamento
Con impracable craridá leerias
A traizon alevosa, o olvido amargo
Sin velo qu’os crubir, nin finximento.»
—«¡Ou Dios, Dios poderoso!...
¡Que tormento espantoso!...»
—«Ninguen torce o poder d’os seus destinos,
Infaustos ou beninos:
Nin á ninguen ll’é dado
Renegar d’o seu fado.
Sô vence quen espera...
Volve á vivir e espera resinado.»
E tornou á vivir, arrepentido
Anque trist’e dorido,
Aquel probe coitado:
Pideull’á Dios perdon d’o seu pecado,
E Dios compadecido
Mandoulle santa paz e doce olvido.