EN CORNES
I
Formoso campo de Cornes,
Cando te crobes de lirios
Tamen se me crobe a yalma
De pensamentos sombrisos.
De Cornes lindo lugare
Que cruzan tantos camiños,
Anque cuberto de rosas,
As rosas, tamén fan guizos.
Antr’as pedras, alelises,
Antr’os toxos, campanillas,
Por antr’os musgos, vïolas,
Regos, por antr’as curtiñas.
Rio abaixo está o moiño,
Compostela, rio arriba...
Rio arriba, ou rio abaixo,
Todo é calma n’a campía.
Convidando á meditare,
Soan de Conxo as campanas,
Beben os bois n’o teu rio
Y o sol alegra a escampada.
D’as tuas casas terreñas
Say fume y os galos cantan...
¡Quen en tan fresco retiro
Dirá que as dores fan lama!
Donde hay homes hay pesares,
Mais n’os teus campos, ña terra
Maxino que os hay mais fondos,
Cando t’amostras mais leda.
¡Por qu’ eses trios d’os páxaros,
Eses ecos y esas brétemas
Vaporosas, y esas frores,
N’alma triste, canto pesan!
Po-las silveiras errante
Vexo un-ha meniña orfa
Que triste vay marmurando,
—¡Ña Virxe, quen rosa fora!
—¿Porque quês ser rosa, nena?
Lle preguntei cariñosa,
Y ela contesta sorrindo,
—Porque non tên fame as rosas.
Cost’arriba, cost’arriba,
Desandemo-l-o camiño,
Fuxamos d’este sosego
D’os pesares enemigo.
¡Que negro contraste forman,
D’a natureza o tranquilo
Reposo, co as ansias feras
Que abaten o inxel esprito!
II
Cruceiro de Ramirez que t’ergues solitario
D’os Agros n’a espranada, antr’as rosas d’os campos,
O sol d’a tarde pousa en tí o postreiro rayo
Coma n’un alma triste, pousa un soño dourado.
Algun-ha vez n’o estio, eu ô teu pé sentada
Escoito silenciosa, mentras a tarde acaba:
Baixo d’as pedras mudas, que teu sacreto gardan
Maxino que resoa o brando son d’un arpa,
¡Música incomprensible que d’outros mundos fala!
¡Tal de Memnon s’oian ô amañecer n’a estatua,
Aqueles sons divinos que as almas encantaban!
III
Ódiote campo fresco,
C’os teus verdes valados,
C’os teus altos loureiros
Y os teus camiños brancos
Sembrados de violetas,
Cubertos d’emparrados.
Ódiovos montes soaves
Que o sol poniente aluma,
Qu’en noites mais sereas
Vin ô fulgor d’a lua,
Y ond’en mellores dias
Vaguey po-las alturas.
E tí tamén, pequeno
Rio, cal n’outro hermoso
Tamén aborrecido,
És antr’os meus recordos...
¡Porque vos amey tanto,
E porque así vos odio!