¡PRA A HABANA!
I
Venderonll’os bois,
Venderonll’as vacas,
O pote d’o caldo
Y a manta d’a cama.
Venderonll’o carro
Y as leiras que tiña,
Deixarono soyo
C’o a roupa vestida.
—María, eu son mozo,
Pedir non m’é dado,
Eu vou po-lo mundo
Pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
Y â Habana me vou...
¡Adios, adios, prendas
D’o meu corazon!
II
Cando ninguen os mira
Vénse rostros nubrados e sombrisos,
Homes qu’erran cal sombras voltexantes
Por veigas e campíos.
Un, enriva d’un cómaro,
Séntase caviloso e pensativo,
Outro, o pé d’un carballo, queda imóvil
C’o a vista levantada hácia o infinito.
Algun cabo d’a fonte resinado
Parés qu’escoita atento o murmurio
D’augua que cai, e eisala xordamente
Tristísimos sospiros.
¡Van á deixá-l-a patria!...
Forzoso, mais supremo sacrificio.
A miseria está negra en torno d’eles
¡Ay! ¡y adiant’está o abismo!...
III
O mar castiga bravamente as penas,
E contr’as bandas d’o vapor se rompen
As irritadas ondas
D’o cántabro salobre.
Chilan as gaviotas
¡Alá lonxe!... ¡moy lonxe!
N’a prácida riveira solitaria
Que convida ô descanso y ôs amores.
De humanos séres a compauta linea
Que brila ô sol, adiántase e retórcese,
Mais preto, e lentamente as curvas sigue
D’o murallon antigo d’o Parrote.
O corazon apertase d’angustia,
Óyense risas, xuramentos s’oyen,
Y as brasfemias s’axuntan c’os sospiros...
¿Onde van eses homes?
Dentro d’un mes n’o simiterio imenso
D’a Habana, ou n’os seus bosques,
Ide á ver que foy d’eles...
¡N’o etern’olvido para sempre dormen!...
¡Probes nais que os criaron,
Y as que os agardan amorosas, probes!
IV
—Animo, compañeiros,
Tod’a terra é d’os homes.
Aquel que non veu nunca mais que a propria
A iñorancia o consome.
¡Animo, á quen se muda Dio-l-o axuda!
¡E anque ora vamos de Galicia lonxe,
Verés des que tornemos
O que medrano os robres!
Mañan é o dia grande ¡â mar amigos!
¡Mañan, Dios nos acoche!
¡N’o sembrante a alegría,
N’o corazon o esforzo
Y a campana armoniosa d’a esperanza,
Lonxe, tocando á morto!
V
Este vaise y aquel vaise
E todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
Que te poidan traballar.
Tes en cambio orfos e orfas
E campos de soledad,
E nais que non teñen fillos
E fillos que non tên pais.
E tês corazons que sufren
Longas ausencias mortás,
Viudas de vivos e mortos
Que ninguen consolará.