¡TERRA A NOSA!
I
Baixo a prácida sombra d’os castaños
D’o noso bon pais,
Baixo aquelas frondosas carballeiras
Que fan doçe o vivir,
Cabe a figueira d’a paterna casa
Que anos conta sin fin,
¡Que contos pracenteiros... que amorosas
Falas se din alí,
Risas que s’oyen n’as serans tranquilas
D’o cariñoso Abril!
E tamén ¡que tristísimos adioses
S’acostuman oir!
II
—Quen casa ten de seu, ten media vida.
Un-has telliñas para nos crubir,
Catro paus que ardan n’a lareira nosa
¡E á traballar sin fin!
¡Valor, valor! y espera desdichado
Mentras teñas aquí
Un-has paredes tristes e desnudas
Mais qu’herdache infeliz,
E d’as que naide despoxarte pode:
¿Naide?... a miseria, sí.
III
O forno está sin pan, o lar sin leña,
Non canta o grilo alí.
E se non é c’o a pena que o consome
O probe soyo está c’o seu sofrir
Sin que comer e sin abrigo tremba,
Por que os ventos sutils
Húmedos inda, silvan antr’as pedras
Y as portas fan xemir.
¡Que ha de facer, Señor, s’o desamparo
Ten ô redor de si!...
¿Deixar a terra en que naceu y a casa,
En qu’espera ter fin?
¡Non, non! que o inverno xa pasou y hermosa
Primadera vay vir.
¡Xa os árbores abrochan n’a horta sua!
¡Xa chega o mes d’abril!
Y anque á torrentes chove en horas tristes
En outras o sol ri,
Xa a terra pode traballarse, a fame
D’os probes vay fuxir.
¡Ay! o qu’en tí naceu, Galicia hermosa,
Quere morrer en tí.
IV
¡Ou miña parra d’albariñas uvas,
Que a tua sombra me dás!
¡Ou ti sabugo de froriñas brancas
Que curas todo mal!
¡Ou ti, en fin, miña horta tan querida
E meus verdes nabals,
Xa non vos deixo que as angustias negras
Lonxe de min s’irán!
O bran chega crubindovos de fruto
Todos son ricos xa,
Os paxariños tên gran n’as campías,
Abrigo n’a follax.
As noites son tranquilas e serenas
Craro é sempre o luar,
Por antr’as tellas entran os seus rayos
Y hastra o meu leito van,
Y así durmo alumado po-la lámpara
Que ôs probes lle luz dá.
Lámpara hermosa, eternamente hermosa,
Consolo d’os mortals.
V
Esos varios sendeiros d’as montañas
Ôs fondos vales cân...
Aló enriva o sun sun d’os pinos bravos,
En baixo a doçe paz.
N’a cima crara luz, aires purísimos,
Salvaxen soledá,
Romores misteriosos que despertan
Pensamentos de brava libertás.
Perfumes penetrantes, que deseyos
Loucos e estraños dan,
En baixo, amante calma, cariñosas
Brisas que ô rebuldar
Por antr’as follas, n’as sus alas traen
Romores da siudád,
Eco d’algun-ha voz fresca e sonora
De timbre virxinal.
D’a campana d’aldea o cramoroso,
Prolongado soar,
D’a presa d’o mohiño o ronco estrondo,
Y o batidor compás,
D’a lavandeira que c’os brancos liños
Contra un-ha pedra dá.
VI
¡Si, si! Dios fixo esta encantada terra
Pra vivir e gozar,
Pequeno paraiso, est’é un remedo
D’o que perdeu Adan.
Este prácido sol que nos aluma,
Estes aires d’o mar,
Este tempo soave, estas campías
Que non teñen igual,
Esta fala mimosa que nós temos
De tan doçe solás
Que non sabe decir si non cariños
Que hastr’os corazós van,
Esta terra, n’hay duda... Dió-l-a fixo
Pra ser amada e amar.
¡Ey, Galicia a que dorme soños d’anxel,
E chora ô despertar,
Vagoas que si consolan as suas penas,
Non curan os seus mals!
VII
¡Que t’aman os teus fillos!... ¡Que os consome,
D’o teu chan s’apartar!...
Que ximen sin consolo, s’á outras terras
De lonxe, á morar van.
Que aló está o corpo n’as rexiós alleas
Y o esprito sempre acá,
Que só viven, só alentan c’as lembranzas
D’o seu pais natal.
E c’o a esperanza, c’o a esperanza ardente
D’á Galicia tornar...
E ¡como n’adorarte d’este modo
Santa e querida nay,
Como non morrer lonxe d’aquel seyo
Que mel de meles dá,
Y é groria y é contento e paraiso
N’o mundo terreal!
VIII
¡Que hermosa te dou Dios, terra querida,
Desdichada beldá!
¡Que brando e melancolico sosego
Sinto ô te contemprar!
¿Porque, porque antr’as frores as espiñas
Entretexidas van,
N’esa coroa que a tua testa ciñe
De verdor eternal?
¡Ou Galicia, Galicia! a arpa sonora
Pronto descolga xa
D’a seca pónla ond’olvidada dorme,
Dorme, á sigros contar.
Os bardos fillos teus a voz levanten
D’as cordas ô compás,
Y enchan ô mundo armónicas y altivas
Tan só pra t’alabar.