* * *
¡Padron!... ¡Padron!
Santa María... Lestrove...
¡Adios! ¡Adios!
I
Aquelas risas sin fin,
Aquel brincar sin dolor,
Aquela louca alegría,
¿Por que acabou?
Aqueles doces cantares,
Aquelas falas d’amor,
Aquelas noites serenas,
¿Por que non son?
Aquel vibrar sonoroso
D’as cordas d’a arpa y-os sons
D’a guitarra malencónica,
¿Quen os levou?
Todo é silensio mudo,
Soidá, delor,
Ond’outro tempo a dicha
Sola reinou...
¡Padron! ¡Padron!
Santa María, Lestrove...
¡Adios! ¡Adios!
II
O simiterio d’a Adina
N’hay duda qu’é encantador,
C’os seus olivos escuros
De vella recordazon;
Co seu chan d’erbas e frores
Lindas, cal n’outras dou Dios;
C’os seus canónegos vellos
Que n’el se sentan ô sol;
C’os meniños qu’alí xogan
Contentos e rebuldós;
C’as lousas brancas qu’o cruben,
E c’os humedos montons
De terra, ond’algun-ha probe
Ô amañecer s’enterrou.
Moito te quixen un tempo,
Simiterio encantador,
C’os teus olivos escuros,
Mais vellos qu’os meus abós,
C’os teus cregos venerables,
Que s’iban sentar ô sol,
Mentras cantaban os páxaros
As matutinas cancións,
E c’o teu osario humilde
Que tanto respeto impon
Cando d’a luz que n’el arde
Vé un de noite o resprandor.
Moito te quixen e quérote,
Eso ben o sabe Dios;
Mas hoxe, ô pensar en tí
Núbrasem’o corazon,
Qu’a terra está removida,
Negra e sin frols.
¡Padron!... ¡Padron!...
Santa María... Lestrove...
¡Adios! ¡Adios!
III
Fun un dia en busca d’eles,
Palpitante o corazon,
Funos chamando un a un
E ningun me contestou.
Petey n’un-ha y-outra porta,
Non sentin fala nin voz,
Cal n’un-ha tomba valdeira
O meu petar resonou.
Mirey po-la pechadura,
¡Qué silensio!... ¡qué pavor!...
Vin no mais sombras errantes
Qu’iban e viñan sin son,
Cal voan os lixos leves
N’un rayo d’o craro sol.
Erguéronsem’os cabelos
D’estrañeza e de delor,
¡Nin un soyo!... ¡nin un soyo!...
¿Dond’están? ¿que d’eles foy?
O triste son d’a campana,
Vagoroso á min chegou...
¡Tocaba a morto por eles!...
¡Padron!... ¡Padron!...
Santa María... Lestrove...
¡Adios! ¡Adios!