SIN TERRA
—¡Calade ou ventos nouturnos,
Calá fonte d’a Serena,
Qu’alá por cabo d’as Trompas
Quer’oir quen chega!
Calaron os ventos todos
Xurrou a fonte mais queda,
E vin qu’iban á enterrar
O corazon d’ela.
Vina despois inda viva
Por campos e por devesas,
Mais iña par’un-ha tomba
Pedindo terra.
Nón-n’atopou, e por eso,
Amostra âs vistas alleas
Inda aquel corazon morto
A sua cangrena.