IX

Díxome nantronte ó Cura

Qu’ é pecado...

Mais aquel de tal fondura

Como ó facer desbotado.

Dalle que dalle ó argadelo,

Noite é día,

E pensa e pensa n’ aquelo,

Porfía que te porfía...

Sempre malla que te malla,

Enchendo á cunca,

Porque ó que ó diantre traballa

Din que acaba tarde ou nunca.

Canto máis digo ¡arrenegado!,

¡Demo fora!,

Máis ó demo endemoncrado,

M’ atenta dempois y agora.

Mais ansias teño, mais sinto,

¡Rematada!,

Que non me queira Xacinto

Nin solteira nin casada.

Porque d’ este ou d’ outro modo,

A verdá digo,

Quixera atentalo e todo,

Como m’ atenta ó enemigo.

¡Que é pecado..., miña almiña!

Máis que sea;

¿Cál non vay, s’ é rapaciña,

Buscando ó que ben desea?

Nin podo atopar feitura,

Nin asento,

Que me está dando amargura

Sempre este mal pensamento.

Din que parês lagarteiro

Desprumado,

S’ é verdad, ¡meu lagarteiro

Ten-m’ ó coraçón prendado!

«Cara de pote fendido»,

Ten d’ alcume;

Mellor que descolorido

Queróo tostado de lume.

S’ elas calente miraran

Meu amore,

Nin toliña me chamaran,

Nin ti me fixeras dore.

Vino unha mañana d’ orballo,

Á mañecida,

Durmindo ô pe d’ un carballo,

Enriba d’ a erba mollida.

Arrimeime paseniño

A sua veira,

E sospiraba mainiño

Como brisa mareeira.

E tiña á boca entr’ aberta,

Com’ un neno

Que mirand’ ó ceu desperta

Deitadiño antr’ ó centeno.

Y as guedellas enrisadas

Lle caían,

Cal obellas en manadas,

Sobre as froliñas que abrían.

¡Meu Dios! ¡Quén froliña fora,

Das d’ aquelas...

Quen as erbas qu’ en tal hora,

O tiñan pretiño d’ elas!

¡Quén xiada, quén orballo,

Qu’ ó mollou!

¡Quén aquel mesmo carballo

Que c’ as pónlas ó abrigou!

Mentras qu’ así ó contempraba

Rebuleu,

E pensei que me afogaba,

O corazonciño meu.

Bate que bate, batía

Sin parar,

Mais eu tembrando decía,

Agora ll’ ei de falar.

E volveu á rebulir

Muy paseniño,

¡Ay!, e votei á fuxir,

Lixeira pó-lo camiño.

Despois chora que te chora

Avergonzada,

Dixen:—S’ el non me namora,

Non lle direi nunca nada.

E non me namora, non,

¡Maldizoado!

Mentras ó meu coraçón

Quérelle anque sea pecado.

E vai tras d’ outras mociñas

Tan contento,

Y eu, con unhas cadiñas

Prendino ô meu pensamento.

E que queira que non queira,

Está conmigo,

Y á postre, y á derradeira,

Con él m’ atenta ó enemigo.

¡Sempre malla que te malla

Enchendo á cunca!

Y é qu’ ó qu’ ó demo traballa,

Acabará tarde ou nunca.

Por eso, anqu’ ó Cura dixo

Qu’ é pecado,

Mal que tanto mal me fixo,

Nunca ó darei desbotado.