XIII

San Antonio bendito,

Dádeme un home,

Anque me mate,

Anque m’ esfole.

Meu santo San Antonio

Daime un homiño,

Anqu’ ó tamaño teña

D’ un gran de millo.

Daimo, meu santo,

Anqu’ os pes teña coxos,

Mancos os brazos.

Unha muller sin home...

¡Santo bendito!

É corpiño sin alma,

Festa sin trigo.

Pau viradoiro,

Qu’ onda queira que vaya

Troncho que troncho.

Mais en tend’ un homiño,

¡Virxe do Carme!,

Non hay mundo que chegue

Para un folgarse.

Que zamb’ ou trenco,

Sempr’ é bó ter un home

Para un remedio.

Eu sey d’ un que cobiça

Causa miralo,

Lanzaliño de corpo,

Roxo e encarnado.

Carniñas de manteiga,

E palabras tan doçes

Cal mentireiras.

Por él peno de día,

De noite peno,

Pensando nós seus ollos

Color de ceo.

Mais el xa doito,

D’ amoriños entende,

De casar pouco.

Facé, meu San Antonio,

Qu’ onda min veña,

Para casar conmigo,

Nena solteira.

Que levo en dote

Unha culler de ferro,

Catro de boxe.

Un hirmanciño novo

Que xa ten dentes,

Unha vaquiña vella

Que non da leite...

¡Ay!, meu santiño,

Facé que tal suceda

Cal vo lo pido.

San Antonio bendito,

Dádeme un home,

Anque me mate,

Anque m’ esfole.

Que zamb’ ou trenco,

Sempr’ é bó ter un home

Para un remedio.