XVI

Eu ben vin estar ó moucho

Enriba d’ aquel penedo:

¡Non che teño medo, moucho,

Moucho, non che teño medo!

I

Unha noite, noite negra,

Com’ os pesares qu’ eu teño,

Noite filla das sombrisas,

Alas que extenden os medos;

Hora en que cantan os galos,

Hora en que xemen os ventos,

En qu’ as meigas bailan, bailan,

Xuntas có demo pirmeiro,

Arrincando verdes robres,

Portas e tellas fendendo,

Todas de branco vestidas,

Tendido-los brancos pelos

Contra quen os cans oubean

Agoirando triste enterro;

Cando relumbrar se miran

Antr’ os toxales espesos,

Cal encendidas candeas

Ollos de lobo famento,

E os ramallaxes dos montes

Antre sí murmuxan quedos,

E as follas secas qu’ espallan

Os aires da noite inquietos

En remuiños se xuntan

Con longo estremecemento;

Indo camiño da igrexa,

Soya cós meus pensamentos

Cabo da fonte da Virxe

Pretiño do cimenterio,

Dempois de sentir un sopro

Que me deixou sin alento:

Eu ben vin estar ó moucho

Enriba d’ aquel penedo.

II

Arrepuïñadas todas

As carnes se me puñeron,

E os cabelos no curuto

Fórons’ erguendo direitos:

Gotas de sudor corrían

Afio pó-lo meu peito,

E tembraba como tremban

As auguas cando fay vento,

Ná pia da fonte nova

Que sempre está revertendo.

Aquel moucho alí fincado,

Cal si fose ó mesmo demo,

Fito á fito me miraba

Có seus ollos rapiñeiros,

Que coidei que me roubaban

Non máis que de lonxe velos.

De lume me paresían

E que me queimaron penso;

Penso qu’ eran tizós roxos

Da fogueira dos infernos

Que pó-las niñas me entraron

Hastr’ ó coraçón dereitos.

En él remorsos había

D’ amoriños pecadentos...

¡Ay, quen ten d’ eses amores

Non pod’ achar bon sosiego!

Chovía si Dios ten augua,

Ventaba en tódo-los ventos,

E ensarrapicada toda

A camiñar non m’atrevo,

Qu’ ó moucho, fita que fita,

M’ aspera na quel penedo,

Mais acordeime da Virxe

Que sempre conmigo levo,

Résoll’ un Ave-María,

E cobrando novo alento,

Com’ os páxaros do mare,

Nadando paso ó regueiro;

Corro á enriba dó valado,

Brinco en baixo dó portelo,

E dend’ alí, berro entonces

Con cantas forzas eu teño:

Non che teño medo, moucho,

Moucho, non che teño medo.