XIX

Pasa río, pasa río,

Có teu maino rebulir;

Pasa pas’ antr’ as froliñas

Color d’ ouro e de marfil,

A quen c’ os teus doçes labios

Tan doçes cousas lles dis.

Pasa, pasa, mais non vexan

Que te vas á ó mar sin fin,

Porqu’ estonces ¡ay, probiñas,

Cánto choraran por ti!

¡Si souperas qu’ extrañeça,

Si souperas qué sofrir

Desque dél vivo apartado

O meu coraçón sentiu!

Tal m’ acoden as soidades,

Tal me queren afrixir,

Qu’ inda máis feras m’ afogan,

Si as quero botar de min.

Y ¡ay, que fora das froliñas

Vendote lonxe de si

Ir pó-la verde ribeira,

Da ribeira dô Carril!

Pasa, pasa, caladiño,

Có teu manso rebulir,

Camiño dô mar salado,

Camiño dô mar sin fin;

E leva estas lagrimiñas,

Si as de chegar por alí,

Pretiño dos meus amores,

Pretiño dô meu vivir.

¡Ay, quén lagrimiña fora

Prá ir, meu ben, xunta ti!...

¡Quén fixera un caminiño

Para pasar, ay de min!

Si á mar tibera barandas

Fórate ver á o Brasil;

Mais á mar non ten barandas,

Amor meu, ¿por don’ ey d’ ir?