XXVII

I

¿Qué ten ó mozo?

¡Ay!, ¿qué terá?

Ponm’ agora unha cara d’ inverno,

Despois na fiada ¡sorrisas de tal!...

Quer que baile con él n’ o muhiño,

Y aló pó-la vila, nin fala quixáis...

¿Qué ten ó mozo?

Pois... ¿qué terá?

Unhas veces, canciño de cego,

Por’ ond’ eu andare seguíndome vay;

Non hay sitio dond’ eu non atope

Un Bras con cirolas y os zocos na man.

¡Ay, qué mociño!...

¡Ay, qué rapaz!

N’ outro instante, ¡mirá qué fachenda!...

Atruxos qu’ asombran ó mesmo lugar.

¡¡¡Brrr!!!, parece que pasa soberbo,

Mandando nos homes su real maxestá.

Mociño, ¿és tolo?

¡Ay!, ¿s’ ó serás?

Eu non podo entender meu amore,

Qu’ airiños te levan, qu’ airiños te trân,

Nin tampouco cal xeito te cadra,

Tratándose, mozo, d’ ó teu namorar.

¡Ay! ¡Dios me libre,

De ti, bon Bras!

Que no meu entender t’ acomparo,

O mesiño de marzo marzal:

Pó-la mañán, cariña de rosas;

Pó-la tarde, cara de can.

¡Mala xuntanza

Facemos! ¡¡Ay!!

II

¿Qué di á meiguiña,

Qué di á traidora?

Coraçón qu’ enloitado te crubes,

C’ os negros desprezos qu’ á falsa che dona,

¿Por qué vives sofrindo por ela?

¿Por qué, namorado, de pena saloucas?

S’ ela é bonita,

Ela é traidora.

Di con mengua de min que non sabe,

Qu’ airiños me viran veleta mal posta...

Que ch’ ó digan, rapaza, os teus ollos,

Qu’ agora me chaman, dempois me desbotan.

Qu’ anqu’ és bonita,

Eres traidora.

S’ unhas veces amante che falo,

E s’ outras renego de ti..., ¡pecadora!

¿Cáles auguas repousan serenas,

S’ ó vento qu’ as manda rebole antr’ as ondas?

E ti ben sabes

Qu’ és revoltosa.

Son canciño de cego en quererte...

Tal bulra merece quen ama sin conta,

Pois c’ os zocos na man ou sin eles

As portas d’ ó inferno seguíndote fora.

Tal estou tolo,

Tal és graçiosa.

¡Que de marzo marzal teño á cara!...

Quixáis qu’ así sea, mais ti, miña xoya,

Tamén és cal rayola de marzo,

Qu’ agora descrube, qu’ agora s’ entolda.

Iguales semos,

Nena fermosa.