XXXIII

Miña Santa Margarida,

¿Con quén t’ ei de comparare?

Coma ti non vin ningunha

Nin na terra nin no mare.

Coma ti, Santa bendita,

Tan garrida e tan preciosa,

Nin brilou ningunha estrela,

Nin s’ abreu ningunha rosa.

Nin luceiro nin diamante,

Nin luniña trasparente,

Luz verteu máis cariñosa

Qu’ ó teu rostro relucente.

Nin as froles do xilmendro,

Nin á rosa purpurina,

Nin as neves da montaña,

Nin fulgor da mañanciña.

Nin alegre sol dourado,

Nin corrente d’ augua pura,

Miña Santa Margarida,

Ch’ asemella en hermosura.

¿Con quén t’ ei comparare,

Miña santa Margarida,

Si ti foche ánxel d’ amore

Pó-los ánxes escollida?

Sólo á Virxe é máis hermosa

Qu’ eres ti, bendita Santa,

Y ó teu rostro pelegrino,

O temido demo espanta.

De ti vivo namorada,

En ti penso con fervore,

Qu’ eu ben sei que che contenta

Este puro e santo amore.

¡Quén poidera!... ¡Quén poidera

Xunta ti vivir segura,

Manantial que mel derrama,

Pura fonte de ternura!

Onda ti, lonxe do mundo,

Tan feliz m’ acobexara,

Qu’ en jamáis ô pracer vano

Este meu mirar tornara.

Que no monte onda ti moras

Tan bon aire se respira,

Que ó que máis do mundo foxe,

Sólo alí por Dios suspira.

Miña Santa Margarida,

Miña Margarida santa,

Tendes á casa no monte,

Donde ó paxariño canta.