IV

Cantan os galos pr’ ó día,

Érguete, meu ben, e vaite.

—¿Cómo m’ ei d’ ir, queridiña,

Cómo m’ ei d’ ir e deixarte?

—D’ eses teus olliños negros

Como doas relumbrantes,

Hastr’ as nosas maus unidas

As vagoas ardentes caen.

¿Cómo m’ ei d’ ir si te quero?

¿Cómo m’ ei d’ ir e deixarte,

Si cá lengua me desvotas

E có coraçón me atraes?

N’ un corruncho do teu leito

Cariñosa m’ abrigaches;

Có teu manso caloriño

Os fríos pes me quentastes;

E d’ aquí xuntos miramos

Por antr’ ó verde ramaxe,

Cal iba correndo á lua

Por enriva dos pinares.

¿Cómo queres que te deixe

Cómo que de ti m’ aparte,

Si máis qu’ á mel eres dulce

E máis qu’ as froles soave?

—Meiguiño, meiguiño meigo,

Meigo que me namoraste,

Baite d’ onda min meiguiño

Antes qu’ ó sol se levante.

—Ainda dorme, queridiña,

Antr’ as ondiñas do mare,

Dorme por que m’ acariñes

E por qu’ amante me chames,

Que sol’ onde ti, meniña,

Podo contento folgare.

—Xa cantan os paxariños,

Érguete, meu ben, qu’ é tarde.

—Deixa que canten, Marica,

Marica, deixa que canten...

Si ti sintes que me vaya,

Eu relouco por quedarme.

—Conmigo, meu queridiño,

Mitá da noite pasaches.

—Mais en tanto ti dormías

Contenteime con mirarte,

Qu’ así sorind’ entre sonos

Coidaba qu’ eras un ánxel,

E non con tanta pureza

O pe d’ un ánxel velase.

—Así te quero, meu ben,

Com’ un santo dos altares;

Mais fuxe... qu’ ó sol dourado

Por riba dos montes saye.

—Irey, mais dame un biquiño

Antes que de ti m’ aparte;

Qu’ esos labiños de rosa

Inda non sei como saben.

—Con mil amores cho dera,

Mais teño que confesarme;

E moita vergonza fora

Ter un pecado tan grande.

—Pois confésate, Marica,

Que cando casar nos casen,

Non ch’ han de valer, meniña,

Ni confesores nin frades.

¡Adiós, cariña de rosa!

—¡Raparigo, Dios te garde!