* * *

Teño un mal que non ten cura,

Un mal que naceu comigo,

Y ese mal tan enemigo

Levarám’â sepultura.

Curandeiros, ceruxanos,

Dotores en medeciña,

Pr’a esta infirmidade miña

N’ hay remedio antr’os humanos.

Deixá pois de remexer

Con concencia ou sin concencia,

Os libros d’a vosa cencia,

Pois para min n’a han de ter.

¿Qu’o dudás? duda non cabe

N’esto que digo, doutores,

Anque pese, hay amargores

Que non pasan con xarabe.

¿Asañásvos porque digo

Verdás que sabés de sobra?

—Pois á probar... mans â obra...

Vede de curarme, amigo.

O meu mal y o meu sofrir,

E o meu propio corazon,

¡Quitaimo sin compasion!

Despois ¡facème vivir!