Miña casiña, meu lar,
Cantas onciñas
D’ouro me vals.
Vin de Santiago á Padron
C’un chover qu’era arroyar
Descalciña de pé e perna,
Sin comer nin almorzar.
Po-lo camiño atopaba
Ricas cousas que mercar,
Y anque ganas tiña d’elas
Non tiña par’as pagar.
N’os mesons arrecendía
Á cousas de bon gustar,
Mais o que non ten diñeiro
Sin elas ten que pasar.
Fun chegand’â miña casa
Toda rendida d’andar,
Non tiña nela frangulla
Con que poidera cear.
A vista se me barria
Qu’era aquel moito aunar.
Fun â porta d’un veciño
Que tiña todo á fartar,
Pedinlle un-ha pouca broa,
E non ma quixo emprestar.
As bagullas me caian
Que me for’á avergonzar,
Volvinm’â miña casiña
Alumada d’o luar,
Rexistrei cada burato
Para ver d’algo atopar:
Atopei fariña munda,
Un puñiño á todo dar.
Vino n’o fondo d’artesa
Puxenm’á Dios alabar;
Quixen alcendé-l’o lume,
Non tiña pau que queimar.
Funll’á pedir á un-ha vella.
Tampouco m’o quixo dar
Si non era un toxo verde
Para me facer rabiar.
Volvin triste com’a noite
Á chorar que te chorar,
Collin un feixe de palla,
D’o meu leito o fun pillar,
Rexistrei po-lo cortello
Mentras me puña á rezar
E vin uns garabulliños,
E fieitos á Dios dar.
¡Meu San Anton milagroso,
Xa tiven fogo no lar!
Arrimei o pote ô lume
Con augua para quentar.
Mentras escarabellaba
Na cinza, vin relumbrar
Un ichavo d’a fertuna...
¡Miña Virxe d’o Pilar!
Correndiño, correndiño
O fun en sal á empregar,
Mais contenta qu’un-has pascoas
Volvin a port’á pechar,
E n’a miña horta pequena
Un-has coles fun catar.
Con un pouco d’unto vello
Qu’o ben soupen aforrar,
E c’a fariñiña munda,
Xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
Que me soupo, que la mar,
Fixen un bolo d’o pote
Qu’era cousa d’envidiar;
Despois qu’o tiven comido,
Volvin de novo á rezar;
E despois qu’houven rezado
Puxen a roupa á secar,
Que non tiña fio enxoito
D’haber tanto me mollar,
N’antramentras me secaba
Puxenme logo á cantar
Para que m’oiran
En tod’o lugar:
Meu lar, meu fogar,
Cantas onciñas
D’ouro me vals.