«Alá enriba d’a montaña,
Sai fume d’as chamineas...
Valor, meu corpiño vello,
Levaim’aló miñas pernas.
Paseniño, paseniño,
Aquí para, alí te sentas,
Irás chegando Xuana,
Á dond’as casas fomegan.
¡Dios diante! a virxe te valla,
Qu’hoxe, seica... seica... seica...
Has de comer sete cuncas
De bon caldo, c’o a da cea,
E mais compango de porco
Ou de sardiñas salpresas,
Qu’os montañeses son homes
Que cando dan, dan de veras.
Dempois, quentaráste á un lume
Grande com’un-ha fogueira,
E cando xa estés ben quente
¡Á dormir!... ¡e qu’amañeza!»
Y a vella vay, sube, sube
A costa d’o mar d’ovellas
C’un ollo posto n’o chan
Y outro ond’as casas fomegan.
Mentras tanto o sol d’a tarde
Tras d’os pinares se deita
Y aluma con tristes rayos
As sombrisas arboredas.
D’os Anxos o val hermoso,
Saban de verdor ostenta
Alá n’o fondo tranquilo
Que soaves brisas ourean.
Aquí fonte, alí regato,
A yaugua brila antr’as herbas,
Color d’ouro, qu’o postreiro
Rayo de sol fire n’elas.
Quieta, docisima calma
Arriba y en baixo reina,
A noite ven silensiosa,
Maina, pero sin estrelas.
Nin siquera un-ha relumbra
N’o firmamento, qu’espesa
Brétema tamen se corre
Po-las llanuras etereas.
Comenza á orballar, escuro
Tod’arrededor, apenas
S’acerta, o que o mais conoça,
Con camiño nin carreira.
Mas non importa por eso
Qu’o qu’é valente é de veras;
Y a vella vay sube, sube,
A costa d’o mar d’ovellas
C’un ollo posto no chan
Y outro ond’as casas fomegan,
Qu’alí relumbra un-ha luz
E vay direitiña á ela
Marmurando:—Arriba, Xuana,
Qu’ou m’engaño ou terás festa.
A esperencia insina á todos,
E ten a vella esperencia,
Por eso non pensa mal
Pensando que arriba hay festa.
Un carballo arde n’o lume,
Y arredor d’o lar se sentan
Rapazas d’alegres ollos,
Abós de brancas gadellas,
Vellas qu’inda rompen mangas
E tocan as castañetas,
Os afillados qu’a dona
Y o dono tên po-la aldea,
Y os amigos y os cuñados,
Os curmans y a parentela
Toda xunta, e mai-lo crego
Y o zuruxano d’as bestas.
Un cego c’a sua zanfona
En compaña d’outra cega,
Que si ben lle dá ô pandeiro
Fay falar as castañetas;
Un manco, un coxo, un-ha tola,
Y outros probes que se sentan
N’un tallo para déz posto
N’un curruncho d’a lareira,
E abofellas mais non caben
Anqu’algun mais vir quixera.
Foran chegando, chegando,
Mais de nove ulind’a festa,
Y á ningun botou d’a porta
A rica d’a montañesa;
Qu’hay para todos, o dia
Qu’alí cocen carne fresca
Por arrobas, e se fan
Papas d’arroz en caldeiras.
Matouse un carneiro, grande
Como un boy, e un-ha tenreira
Como un-ha vaca, e gordiña
Como un-ha cocha pequena.
Hay viño á Dios dar, un viño
D’o Riveiro, qu’é canela,
E par’a xente de menos
Hayno tamen d’o d’a terra,
Un pouco agriño, mais fresco
E sabroso como fresas.
Coceuse un-ha gran fornada
De millo branco qu’albea,
Con mixtura de centeo
Y un-ha pouca de manteiga.
Parece biscoito a broa,
Y un non se ve farto d’ela,
Qu’inda é muito mais sabrosa
Qu’os moletes qu’en tres cestas,
Escollidos, de Santiago
Trouxeron as panadeiras.
En fin, a comida roda
Po-los pés, y o viño alegra
As xentes tanto, que rabia
D’envidia a negra tristeza.
Os probes qu’alí viñeron
Y atoparon lume e mesa,
Contan contos que dan risa
Así âs mozas com’âs vellas;
Uns en verso, outros en prosa,
Pois falan en todas lengoas
Y apostan entr’eles todos
Á quen fay copras mais feitas.
Ma-l-o d’a zanfona gana,
Quell’apunta a compañeira,
E axudalle o viño branco
Con qu’a gorxa lle refrescan.
«¡Viv’a cega! ¡viv’o cego!...»
De cand’en cando lle berran,
Y-el di, berrando mais forte:
«¡Vivan eles!... ¡vivan elas!...
Y a mais bonita de todas
Que veña á darm’un-ha prenda.»
¡Ju-ju-ru-ju! Y aturuta
Hastra enxordecé-las pedras,
Y a cega dall’ô pandeiro
Y o cego toca n’as tecras
Y ô compás d’o zongue, zongue,
De novo bailan as nenas,
E din os probes, botando
Leña n’o lar: «¡Esta é festa!
¡Quen ch’hoxe andivera fora
C’a tripa toda valdeira!...»
Y un ollo botan sorrindo
Ôs feixes de palla fresca
Ond’han de dormir quentiños,
Coma rixons en caldeira,
Mentras fora zoa o vento
E ladran os cans n’as eiras.
Xa preto d’a media noite,
Dan encomenzo as peleas,
Os mozos loitan c’as mozas,
Medindo as forzas que teñan,
E n’andan en comprimentos
Para botarse por terra.
¡Si as vírades que valentes
S’amostran n’a loita as nenas!...
¡Fanlle ôs mozos cada magoa
C’as suas mans pequeneiras!...
—Un xa caiu... foy un home...
¡Ela venceu... venceu ela!
¡Ben po-la nena bonita!...
¡Que vivan as montañesas!
Que vivan, pois loitar saben...
—¡Si fixo trampa!...—él contesta
Avergonzado...—foy trampa,
Que sinon, nin cén com’ela.
—Que trampa nin que morcegos...
Vencinte...
—Non.
—Sí.
—¡Me venzas!...
E mentres que n’esto están
¡Plum! ¡plum! ¡plum! dan c’un-ha pedra
N’a porta.
—¿Quen é? perguntan.
—Son un-ha probiña vella
Que me perdin n’este monte...
Respond’un-ha voz que tembra.
¿Non me darán pousadiña,
Qu’está chovendo e lostrega?
—Vaya con Dios, xa ven tarde,
Non hay sitio;—lle contestan.
—¿Que dí, señora? Son xorda
Com’un canto... miña prenda.
Abram’a porta que Dios
Llo pagará...
—Probe vella...
Un pouco adiante, pretiño
Hay mais portas, chame n’elas.
—¿Que dí, señoriña? Mire
Qu’está un-ha noite moy fera,
E teño medo qu’os lobos
Me coman...
—¡Dios diante! ¡seica!
N’hay lobos aquí, ande, ande,
Vaya con Dios, qu’outra aldea
Hay preto.
—¿Que dí, señora?
—Vaya con Dios, non sea terca,
Qu’aquí xa non caben mais
Nin probes nin ricos, ¡eya!
—¿Que dí ña filla?... son xorda,
E non oyo anque me fendan.
¡Brrr... que frio, señoriña!...
Vosté qu’é tan limosneira
Deixem’entrar, e estarey
N’o cortelliño ond’as bestas.
¡Brrr... que morro c’a friaxe!
¡Quenja! ¡quenja! ¡quenja! ¡quenja!...
Que tos... Dios me valla... brrr...
¡Xa non podo mais!...
—Pois veña,
E si non ten onde pôrse
Brinque á cabalo d’a artesa.
Falou a dona, que tiña
O corazon de manteiga.
—¡Dios llo pague, queridiña!
Xa topará a recompensa
N’o ceu... abra, miña xoya...
Excramou de pronto a vella.
—¿Logo n’é xorda, qu’oyeu?
Dixeron dentro, antramentras
Que quitaban o tranqueiro
D’a porta.
—¿Que dí, ña-prenda?
Non ll’oyo nada, mas teño
Moito sentido...
—¡Abofellas
Que non mente!... vaya, vaya,
Adentro...
—Santas y buenas
Noites teñan mis señores...
¡Xesús! seica están de festa,
Qu’hay moita xentiña xunta.
D’hoxe n’un ano aquí os vexa.
Dió-los bendiga... el Señor
Lles dé fertuna âs mancheas
E saudiña...
—¡Amen, amen!
—Busqu’un sitio n’a lareira
E quéntese...
—¿Que me dixo?
Son xorda coma un-ha pedra,
E a mais non probey frangulla
Desd’onte â noite, e n’as venas
Xa teño o sangre callado
Po-lo frio...
Y antramentras
Qu’esto dí, vais’arrimando
Ô lume moy compangueira
C’os outros probes, e fura
Por antr’eles, por antr’elas.
Brinca por riba d’o cego,
E que queiras, que non queiras,
Sempre tembrando de frio
E xorda como un-ha pedra,
Segun di, n’o mellor sitio
Con moita homildá se senta
E arrima un mando de lume
Pr’ond’ela está.
—¡Ey, miña vella!
Mire qu’hay mais que vostede
Aquí: ¡que comenenceira
Parece!...—lle di outro probe
C’un-ha cara de desteta
Nenos.
—¿Cómo di, meu fillo?
(Sorrindo reprica ela
Sentándose mais a gusto)
Eu de calquera maneira
M’amaño; qu’así n’o ceo
M’amañe el Señor...
—¡Bah! seica
Quer facer mofa d’a xente...
¡Poche, c’o xuncras d’a vella!
Mesmo parece un espeto.
—¿Si quero un neto ña prenda?
Si m’o desen inda pode
Que pouco a pouco o bebera,
Pois teño moita sediña,
E fame, e frio...
—¡Rabéa!
¡Can! que non vin un-ha xorda
Mais fraca nin lagarteira,
¿É filla d’algun raposo?
—¿Que pille un òso?... d’a vella
Quérense rir... ¡ay Dios mio!
Pero a fam’elle moy negra:
Tráyamo s’é qu’inda ten
Apegada algunha freba,
E ireino raspando á modo
C’un canteiro que me queda.
Todos riron c’a resposta
E...—¡Inda nunca Dios me dera,
Dixo o cego, que esa xorda
Sabe mais qu’eu, abofellas!
—Merece comer compango.
E voullo dar, miña vella,
Porqu’onde queira qu’a atopo
Gustame sempre a sabencia.
¡Coma e fártese!... aquí ten
Talladas e viño... beba,
Beba po-la miña conta
 salú d’as montañesas—
Dixo a dona, e doulle un prato
De callos, como un-ha cesta,
 probe, e viño, e pan branco.
Canto quixo; fartous’ela
Mesmo hastra que tuvo a tripa
Coma un pandeiro. Raventa
Por pouco..., mais o pelexo
Tiña duro, e nin siquera,
Ll’arregañou, y ô outro dia
Xa estaba tan peneireira.
Coidado,—lle dixo a dona
Cando se foy.—Conta teña
De non volver por aquí
Mentras lle dure a xordeira.
—¿Que dí, miña queridiña?
Respondeu rindose a vella.
Son mesmo com’un-ha tapia,
E non ll’oyo, anque me fendan.