XAN

Xan vay coller leña ô monte,

Xan vay á compoñer cestos,

Xan vay á podá-las viñas,

Xan vay á apañá-lo esterco,

E leva o fol ô muiño,

E tray o estrume ô cortello,

E vay â fonte por augua,

E vay á misa c’os nenos,

E fay o leito y o caldo...

Xan, en fin, é un Xan compreto,

D’esos qu’a cada muller

Lle conviña un po-lo menos.

Pero cand’un busca un Xan,

Casi sempre atopa un Pedro.

Pepa, a fertunada Pepa,

Muller d’o Xan que sabemos,

Mentras seu home traballa

Ela lava os pés n’o rego,

Cátall-as pulgas ô gato,

Peitea os longos cabelos,

Bótalles millo âs galiñas

Marmura c’o hirman d’o crego,

Mira s’hay ovos n’o niño,

Bota un ollo ôs mazanceiros,

E lambe a nata d’o leite

E si pode bota un neto

C’a comadre, qu’agachado

Traillo en baixo d’o mantelo,

E cando Xan po-la noite

Chega cansado e famento,

Ela x’o espera antr’as mantas,

E ô vêlo entrar dille quedo:

—Por Dios non barulles moito...

Que m’estou mesmo morrendo.

—¿Pois que tés, ña-mulleriña?

—¿Qu’hei de ter? deita eses nenos

Qu’esta madre roe en min

Cal roe un can n’un codelo,

Y ô cabo ha de dar comigo

N’os terrós d’o simiterio...

—Pois, ña-Pepa, toma un trago

De resólio qu’aquí teño,

E durme, ña-mulleriña

Mentras os meniños deito.

De vagoas s’enchen os ollos,

De Xan ô ver tales feitos,

Mas non temás, qu’antre mil,

N’hay mais q’un anxo antr’os demos,

N’hay mais qu’un atormentado

Antre mil que dan tormentos.