C’o sono d’a inocencia
Que non turban remorsos d’a concencia,
Y a virxen ô seu lado
Dormian os meus ánxeles n’a cuna,
Cand’âs furtadas n’un sereno dia
C’o peito palpitante d’alegría
Soya sain en busca d’a fertuna.
Iña tras d’un tesouro cobisado,
De todos iñorado,
Mais d’o que solasmentes eu sabia:
E n’era só de prata, nin só d’ouro,
Aquel sin par tesouro,
Qu’era d’un canto deseyar podia.
Nunca eu fora nin rica nin dichosa,
Y ô ver que para selo
Só me faltaba o gordo d’un cabelo,
De seca espiña me tornara en rosa.
E como virxen pura
Que por primeira vez sinte a dozura
D’as inquietús d’o amor, así eu sentia
Que algo qu’en min dormia
Despertaba, chamandom’â ventura.
Por eso dand’ô olvido
As penas que m’ouberan consumido
Dendes de que nacera,
Via a terra y o ceo, cor d’esperanza
Y ô meu redor, perene primadera.
¡Cal o sol relumbraba!
¡Que mansamente marmuraba o rio!
Y o paxariño voador cantaba,
Mentras qu’eu camiñaba
Lixeira ô meu avio.
Tal como a neve, albeas,
As roupas y as marañas
Tendidas n’as silveiras e as montañas
Xa en raro, xa âs moreas,
Cal pint’a branca nube o ceo sereno
Briland’ô sol, pintaban o paisaxe
Coma ningun ameno.
Cabo d’a ria n’a ribeira verde,
Á cal gana, á cal perde,
Xogaban os rapaces c’a onda escrava,
Á anxeliño tocaba
En un lugar veciño,
E anque os pais d’o meniño
Ô enterralo, choraban que partian.
Compasivo-l-os vellos,
¡De cantas penas se librou! decian.
En tant’os carros sin parar chirraban,
Mentras ô seu compás os carreteiros
Despaciosos cantaban;
E aquí a fonte corria,
Alá n’un-ha canteira resoaban,
Metalicos, os picos d’os pedreiros.
Mais preto os cans ladraban
Y antr’a follax o vento rebulia
Indo d’as encanadas ôs outeiros...
¡Canta paz! ¡canto sol!... ¡canta alegría!...
«¡Ô fin sorte cansache!
Y o quiñon que famenta me negache
N’a hirencia d’os praceres,
Dándome só o d’as ansias e as peleas,
Cal á aqués que ben queres,
Ora darasmo en gustos âs mancheas.»
Esto eu iba dicindo,
De dichosa cal n’outra presumindo,
Mentras que camiñaba
Tan contenta e segura
D’atopar a fortuna en qu’esperaba,
Cal sei que atopa á Dios quen o precura.
Antre buxos e silvas agachado
O encanto deseado
Estaba como merlo n’o seu niño,
Po-lo romor d’as auguas arrolado
D’o apartado mohiño...
Eu din volt’â devesa
Pasey a corredoira d’a Codesa,
¡Y ô fin cheguei!... y enriba d’un-ha lousa,
En ond’â amañecida o corbo pousa,
Un nobre cabaleiro
C’o a sua pruma enrisada n’o sombreiro,
E vestido de seda e pedrería
Á estilo d’a treidora mourería,
Dou en chamarm’arteiro,
C’un modo loumiñeiro
Que d’o ceo non d’a terra parecia.
¡El é! dixen ô punto temerosa...
Mais o d’o encanto, afeito
Seica á tratar con damas dend’antano
Sin que de verme s’atopas’estrano
Dende lonxe chamándome sorria.
Y o ceo póndose foi de cor de rosas,
Mentras n’as carballeiras e encanadas,
Sopraban un-has brisas repousadas,
Soaves e saudosas,
Cal promesas compridas, s’esperadas.
Eu non sei que sentia,
Vendo qu’él en chamarme proseguia,
Pois antr’ansiosa y-adusta
C’un-ha valor que asusta
Fumm’indo cabo d’él de gozo chea,
Cal palomiña vay tras d’a candea.
Tiña n’as mans un cetro adiamantado,
Bateu con el n’a laxe misteriosa
Que s’abreu, como s’abre d’o granado
O froito sazonado,
E con voz armoniosa
E garrido sembrante,
¡Vamos!—me dixo gasalleiro,—¡adiante!
E fun cal folla inxel vay c’a encalmada
Corrente, que primeiro asosegada,
A arrastra n’as suas auguas cristaiñas
Pra darlle sepultura cariñosa
N’as orelas veciñas,
E que dempois a leva, arrebatada
Po-la negra enxurrada
Ôs abismos d’a mare tormentosa.
¡E entrey pensando penetrar n’o ceo!...
¿Por que ten a maldade forza tanta?
Pois canto â vista encanta
E nos finxe o ardentísimo deseo
Nunca farto nin cheo,
Alí os meus ollos viron, e prendados
Quedaron como nunca e namorados.
D’o tesour’escondido
O brilo e fermosura
¿Á quen que fose de muller nacido,
Á que mortal criatura
N’a houbera contrubado e seducido?
E n’a lumieira y antr’aberta porta
Sin astreverme, de primeiro ausorta,
Á vixiar d’a espréndida morada
Un-ha tras d’outra estensa galería,
Cal si quedase para todo morta
Menos para o que via,
Escramey no supremo d’a alegría.
—Aquí Dios, aquí as dichas d’o universo
Sin voltas nin reverso,
Aquí o que á maxiñar nunca chegara,
A comprida ventura.
¡Que nunca outra topara
Mais grande, nin mais santa, nin mais pura!
Tal brasfemey, sin medo nin coidado,
¡Tola de min, cegabam’o pecado!
Y aquel brilo que via
Ô par que m’alentaba a fantesía
Daba comprida fé d’o ben buscado.
Pensando que por sorte
Ô paraiso terreal chegara
Y era verdade a dicha que soñara,
Sin m’acordar d’a vida, nin d’a morte,
Olvidando o pasado y o presente
C’o porvir xuntamente,
Soyo pensey en abarcar n’un punto
Aquel tanto ben xunto,
Iñorado d’a xente.
C’o poder d’o que pode, erguinme altiva
Sin coidar canto a humana natureza
É falibre e cativa,
E maxinando eterna fonte viva,
Tanta e tanta riqueza,
Com’ante min soberba s’ostentaba,
Dixen seguindo ô hermoso cabaleiro,
—Xa que vos atopey tan lisonxeiro
Pra gozar logo d’o qu’é meu, decime,
Por onde debo encomenzar primeiro.
—Por onde vos querás, reina e señora,
Contestou gasalloso
C’o seu falar gracioso,
Qu’é voso canto aquí vos enamora,
Pero vos e mais eu, antes bebamos
N’esta copa dourada,
Po-los mals que nos deixan e deixamos,
Y os bês que nos sorrin dend’alborada
D’un-ha mañan d’abril nunca acabada.
—¡Pois bebamos! ¡bebamos!
Repetin eu, trubada e non de viño,
Sin que a sinal d’a cruz antes fixese
Pra que ben m’emprestase o que bebese...
Y hastra o líquido fresco e cristaiño
Os dous nos abaixamos
E ambas bocas mollamos...
Nunca m’olvidarei d’aquel momento
D’inmensa dicha e d’infernal tormento,
Pois de dentro d’a copa
Saindo de repente
Un-ha e outra cabeza de sarpente
Contra min se volveno desatadas,
E todas xuntamente
Á un tempo asubiaron,
E n’as entrañas mesmas
O aguillon pezoñoso m’encrabaron.
Cain, cain ferida
E casi-que sin vida,
E inda enriba de min, feras volveno
C’o seu mortal veneno
Un-ha y outra sarpente maldecida.
Cal brétema espallada
Po-lo Sur, n’a encanada,
Dispareceu o lindo cabaleiro,
Y espesa nube de trebons preñada,
Partindo d’a sombrisa Compostela,
Que n’o confin lexano se trasvia
Cal se trasvé n’a tarde morimunda
A raya sin fulgor d’a noite fria,
Veu contrubar a miña mente inxela.
Y alí enriba d’a lousa
En dond’â mañecida o corbo pousa,
Atopeime de pronto, sin ventura,
D’as miñas doces ilusiós despida,
Soya e probe, cal n’outra criatura
Envenenada, triste e malferida.
E non sey que voz ronca marmuraba,
C’o vento que soaba,
«Coma ti, mal tesouro,
Que aquí deixou o mouro
E que a cubiza alaba,
Son os encantos todos terreales,
Á tan grandes pracers, tan grandes males.»