—¿Xa estás de volta, Rosa d’Anido?
¡Eu non coidara verte tan cedo!
Y as meigas todas contigo, Rosa,
Aló n’a vila seica andiveron,
Que de difunto tès a colore
Y a vista brava, y o falar seco.
—É que de pena, d’a terra lonxe
Pouquiño á pouco m’iba morrendo,
Mais... colorosa, me verás logo
Que agora vivo, porque te vexo.
—¡Tola de Rosa, c’o qu’ela saye!...
¿Inda t’acordas d’aqueles tempos?
—¡S’inda m’acordo!... ¿com’olvidalos
Cando tan soyo sey pensar n’eso?
Bebemos xuntos, n’aquela fonte,
Xuntos pousamos n’aquel portelo,
Herba collemos xuntos n’o prado
E íbamos xuntos tomá-l-o fresco
N’o mes d’agosto dendes que a lua
Branca saia tras d’os outeiros.
Estas lembranzas me consumian,
De tí apartada, d’a terra lexos...
Pero e tí, dime, ¿non t’acordaches
E non t’acordas de todo aquelo?
—¡Ti que me pides, rapaza, cando
Desmemoriado son com’un deño!
Y ademais, Rosa, direicho todo,
Pra que non volvas á pensar n’esto.
Bebin con outras n’aquela fonte,
Pousey con outras n’aquel portelo,
¡Ay, e con tantas â luz d’a lua,
N’o mes d’agosto tomey o fresco!...
Dime meniña s’un home pode
Cargar con tantos recordos d’estos,
E si non debe votalos fora
Por que n’estorben n’o pensamento.
Quíxente un dia, quíxente Rosa,
Mais di un-ha copra, que o amor y o vento
Des que fixeron o seu facido,
Vánse rapaza como viñeron.
¡E que lle vamos á facer, Rosa,
S’aquestas cousas non tên remedio!
Adios, pr’ Habana domingo embarco,
Y anqu’ora chores, non teñas medo,
Que mal d’amores n’é mal de morte,
Y ô fin y ô cabo pasa c’o tempo.