AS TORRES D’OESTE

A yaugua corria

Po-lo seu camiño,

Y eu iba ô pé d’ela

Preto d’os Laiños,

Sin poder c’as penas

Que moran conmigo.

Con tamaña carga,

¿Para dond’eu iba?

A Virxe sabrayo,

Qu’eu no-no sabia;

Mais seica fuxindo

De min mesma iña.

Por antr’os herbales,

Profunda e sombrisa,

Cal un-ha sarpente

D’escamas bruñidas,

Brilaba ôs meus ollos

Dándome cobiza.

¡Estaba tan soya!

Nin bote, nin lancha,

Nin velas, nin remos,

A vista alegraban,

E soya-l-as veigas

Tamén se quedaran.

¡Qué bonitas eran

N’outro tempo as rosas,

Que n’aqueles campos

Medran e s’esfollan!

Mais muchas estonces

S’amostraban todas.

Y o sol, cal a lua

En noite de brétema,

Brilaba tembrando

Por antr’as vimbieiras,

Tan descolorido

Com’a mesma cera.

Y ô ferir as ondas

Revoltas e oscuras,

Víanse n’espeso

D’a negra fondura

As herbas marinas

E longas que a surcan.

De pronto un-ha y outra

Poñéndome medo,

As loitosas cruces

Se m’apareceron,

Que s’erguen n’orela

Cal n’un cimiterio.

Meu ben, ¿onde moras?

Perguntey chorando:

Xa que tí morreche,

N’o mundo, ¿qué fago

Coma vos, ¡ou torres!

Soya e sin amparo?

Soidás me consomen,

Vagoas m’alimentan,

Sombras m’acompañan,

Cómem’a tristeza.

¡Quen pode con tanta

Fartura de penas!

Y eu non sey que negra

Tentazon maldita

M’afrixeu o esprito,

M’anubrou a vista,

E sorreume como

M’o demo sorrira.

Dend’a fond’orela

Mirey arredore...

A marea viva

Petaba n’as torres,

Orfas antr’a líquida

Saban que as embolve.

—¡Alá vou!—lles dixen

—Daime morte doçe,

Auguas ond’as penas

Para sempre dormen...

Saltey... y a corrente

Calada levoume.

. . . . . . . . . . . . . . . . . .

. . . . . . . . . . . . . . . . . .

. . . . . . . . . . . . . . . . . .

¡Ou Torres d’Oeste!

Malas tentadoras

Auguas apromadas,

De calma treidora,

Cómaros pelados

Onde o corbo pousa;

¡Ou Torres d’Oeste!

Tan soyas e mudas

C’a vos’ atentaches

A miña tristura.

Ningun triste vaya

Cabo de vos nunca.

D’os desamparados

Tendes o menaxen,

Y ainda ô redor voso

Non rexorde o aire

Coma si temese

De vos despertare.

É d’as que s’apegan

A tristeza vosa,

D’as que o peito oprimen,

D’as abrumadoras,

Que ô inferno encamiñan

As almas loitosas.

Que s’inda estou viva

Foy que un mariñeiro

Medio morimunda,

Por estes cabelos

Trouxome d’as ondas,

Ô mundo en que peno.

Non vayades nunca

Eu vo-l-o aconsello,

Âs Torres d’Oeste

C’o corazon negro.