X

Un-ha vez tiven un cravo

Cravado no corazon,

Y eu non m’acordo xa s’era aquel cravo,

D’ouro, de ferro, ou d’amor.

Soyo sei que me fixo un mal tan fondo,

Que tanto m’atormentou,

Qu’eu dia e noite sin cesar choraba

Cal chorou Madanela n’a pasion.

—Señor, que todo o podedes,

Pedinlle un-ha vez á Dios,

Daime valor par’arrincar d’un golpe

Cravo de tal condicion.

E doumo Dios e arrinqueino,

Mais... ¿quen pensara?... Despois

Xa non sentin mais tormentos

Nin soupen qu’era delor;

Soupen sô, que non sei que me faltaba

En donde o cravo faltou,

E seica, seica tiven soidades

D’aquela pena... ¡Bon Dios!

Este barro mortal qu’envolve o esprito

¡Quen-o entenderá, Señor!...