XII

Oxe ou mañan, ¿quen pode decir cando?

Pero quisais moy logo,

Viranme á despertar, y en vez d’ un vivo,

Atoparán un morto.

Ô rededor de min, levantaranse

Xemidos dolorosos,

Ayes d’angustia, choros d’os meus fillos,

D’os meus filliños orfos.

Y eu sin calor, sin movemento, fria,

Muda, insensibre á todo,

Así estarei cal me deixare a morte

Ô helarme c’o seu sopro.

E para sempre ¡Adios, cant’eu queria!

¡Que terrible abandono!

Antre cantos sarcasmos,

Hay, ha d’haber, e houbo,

Non vin ningun qu’abata mais os vivos,

Qu’o d’a humilde quietú d’un corpo morto.