XIV

Aquel romor de cántigas e risas

Ir, vir, algarear,

Aquel falar de cousas que pasaron

Y outras que pasarán:

Aquela, en fin, vitalidade inquieta

Xuvenil, tanto mal

Me fixo, que lles dixen:

Ivos e non volvás.

Un á un desfilaron silenciosos

Por aquí, por alá,

Tal como cando as contas d’un rosario

S’espallan po-lo chan:

Y o romor d’os seus pasos, mentres s’iñan

De tal modo hastra min veu resoar,

Que non mais tristemente

Resoará quisais

N’o fondo d’os sepulcros

O último adios qu’un vivo ôs mortos dá.

Y ô fin soya quedei, pero tan soya

Qu’hoxe, d’a mosca o inquieto revoar,

D’o ratiño o roer terco e constante,

E d’o lume o chis chas,

Cando d’a verde pónla

O fresco sugo devorando vay,

Parece que me falan, qu’os entendo,

Que compaña me fan;

Y este meu coraçon lles di tembrando

¡Por Dios!... ¡non vos vayás!

¡Que doce, mais que triste

Tamen é a soledad!