N’A CATREDAL

Com’algun dia po-los corrunchos

D’o vasto tempro

Vellos e vellas, mentras monean

Silvan as salves y os padre nuestros,

Y os arcebispos n’os seus sepulcros

Reises e reinas con gran sosego

N’a paz d’os mármores tranquilos dormen

Mentras n’o coro cantan os cregos.

O organo lanza tristes cramores

Os d’as campanas responden lexos,

Y a santa imaxen d’o Redentore

Parés que suda sangre n’o Huerto.

¡Señor Santísimo, ôs teus pés canto

Tamen d’angustia sudado teño!

Mais s’o pecado castigas sempre,

Ô qu’afrixido vay á pedircho

Dáille remedio.

O sol poniente po-las vidreiras

D’a Soledade, lanza serenos

Rayos, que firen descoloridos

D’a Groria os ánxeles y-o Padre Eterno.

Santos e apostoles ¡védeos! parecen

Qu’os labios moven, que falan quedo

Os uns c’os outros, e aló n’altura

D’o ceu a música vay dar començo,

Pois os groriosos concertadores

Tempran risoños os instrumentos.

¿Estarán vivos? ¿serán de pedra

Aqués sembrantes tan verdadeiros,

Aquelas túnicas maravillosas,

Aqueles ollos de vida cheos?

Vos qu’os fixeches de Dios c’axuda

D’inmortal nome, Mestre Mateo,

Xa q’ahi quedaches homildemente

Arrodillado, falaime d’eso;

Mais c’o eses vosos cabelos rizos

Santo d’os croques, calás... y eu rezo.

Aquí está a Groria, mais n’aquel lado,

N’aquela arcada, negrexa o inferno

C’as almas tristes d’os condanados,

Ond’as devoran todo-los demos.

D’alí non podo, quitá-los ollos

Mitá asombrada, mitá con medo,

Qu’aqueles todos se me figuran

Os d’un delirio, mortaes espeutros.

¡Cómo me miran eses calabres

Y aqueles deños!

¡Cómo me miran facendo moecas

Dend’as colunas ond’os puxeron!

¡Será mentira, será verdade!

¡Santos d’o ceo,

Saberán eles que son a mesma

D’aqueles tempos!...

Pero xa orfa, pero enloitada,

Pero insensibre cal eles mesmos...

¡Como me firen!... Voume, sí voume,

¡Que teño medo!

Mais xa n’os vidros d’a grand’araña

Cai o postreiro

Rayo tranquilo qu’o sol d’a tarde

Pousa sereno;

E en cada prancha d’a araña hermosa

Vivos refrexos,

Cintileando com’as estrelas,

Pintan mil cores no chan caendo,

E fan qu’a tola d’a fantesía,

Soñe milagres, finxa portentos.

Mais de repente veñen as sombras

Todo é negrura, tod’é misterio,

Adios alxofres, e maravillas...

Tras d’o Pedroso, puxose Febo.

Coma pantasmas cruzan as naves

Silvando salves e padre nuestros,

Vellos e vellas qu’á Dios lle piden,

El tan só sabe, cales remedios;

Que cand’o mundo nos deixa, é soyo

Cando buscamos con ansia o ceo.

Ôs pés d’a Virxen d’a Soledade

¡De moitos anos nos conocemos!...

A oracion dixen qu’antes dicia,

Fixen mamoria d’os meus sacretos,

Para mi madre deixei cariños,

Par’os meus fillos miles de beixos,

Po-los verdugos d’o meu esprito

Recey... e funme pois tiña medo.