¿QUEN NON XIME?

Luz e progreso en todas partes... pero

As dudas n’os corazós,

E vagoas qu’un non sabe por que corren,

E dores qu’un non sabe por que son.

Outro cantar din cansados

D’este estribilo os que chegando van,

Nun-ha nova fornada, e qu’andan cegos

Buscando o qu’inda non hay.

¡Réprobos!... sempre ô oculto perguntando

Que mudo nada vos di.

Buscade a fé, que se perdeu n’a duda

E deixade de xemir.

Mais eles tamen perdidos

Por un-ha y outra senda van e vên

Sin que sepan ¡coitados! por ond’andan,

Sin paz, sin rumbo e sin fé.

. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .

Trist’é o cantar que cantamos

¿Mais que facer s’outro mellor non hay?

Moita luz deslumbra os ollos,

Causa inquietude o moito desear.

Cand’un-ha peste arrebata

Homes tras homes, n’hay mais

Qu’enterrar de presa os mortos,

Baixá-la frente, e esperar

Que pasen as correntes apestadas...

¡Que pasen!... qu’outras vendrán.