* * *

Ladraban contra min que camiñaba

Casi-que sin alento,

Sin poder c’o meu fondo pensamento

Y a pezoña mortal qu’en min levaba.

Y a xente que topaba

Ollandome a mantenta

D’o meu dor sin igual y a miña afrenta

Traidora se mofaba.

Y eso que nada mais qu’a adiviñaba.

Si a souperan ¡Dios mio!

Pensei tembrando, contra min volvera

A corrente d’o rio.

Buscand’o abrigo d’os mais altos muros,

N’os camiños desertos,

Ensangrentando os pés nos seixos duros,

Fun chegando ô lugar d’os meus cariños

Maxinando espantada:—os meus meniños

¿Estarán xa despertos?

¡Ay qu’ô verme chegar tan maltratada,

Chorosa, sin alento e ensangrentada,

Darán en s’afrixir... mal pocadiños,

Por sua nay mal fadada!

Pouco á pouco fun indo

Y as escaleiras con temor subindo,

C’o triste corazon sobresaltado:

¡Escoitei!... nin as moscas rebullian

No berce ind’os meus ánxeles dormian

C’a virxen ô seu lado.