Gardados estaban, ben podo decir que para sempre, estes versos, e xustamente condenados po-la sua propia índole á eterna olvidanza, cando, non sin verdadeira pena, vellos compromisos obrigáronme á xuntalos de presa e correndo, ordenalos e dalos á estampa. N’era esto, en verdade, o qu’eu queria, mais n’houbo outro remedio; tuben que conformarme c’o duro d’as circunstancias que así o fixeron.—¡Vayan en boa hora, lles dixen estonces, estes probes enxendros d’a miña tristura; vaya antr’os vivos o que xa é po-la sua propia natureza, cousa d’un-ha morta ben morta!—E fóronse, sin qu’eu sepa pra que, nin me faga falla o sabelo.
Mais de dez anos pasaron—tempo casi-que fabuloso á xusgar po-la presa con que hoxe se vive—desque á mayor parte d’estos versos foron escritos, sin que as contrariedades d’a miña vida desasosegada, e un-ha saude decote endebre, me permitise apousar n’eles os meus cansados ollos y o meu fatigado esprito. Ô leelos de novo, vin ben craro, como era incompreto e probe este meu traballo poetico, canto lle faltaba pra ser algo que valla, e non un libro mais, sin outro merito que á perene melancolía que o envolve, e que alguns terán, non sin razon, como fatigosa e monotona. Mais as cousas teñen de ser com’as fan as circunstancias, e s’eu non puden nunca fuxir âs miñas tristezas, os meus versos menos. Escritos n’o deserto de Castilla, pensados e sentidos n’as soidades d’a natureza e d’o meu corazon, fillos cativos d’as horas de enfermedade e d’ausencias, refrexan quisais con demasiada sinceridade, o estado d’o meu esprito un-has veces, outras á miña natural disposicion (que n’en valde son muller) á sentir como propias as penas alleas. ¡Ay! a tristeza, musa d’os nosos tempos, conoceme ben, e de moitos anos atrás; mirame como sua, é outra como eu, non me deixa un momento, n’inda cando quero falar de tantas cousas com’andan oxe n’o aire e n’o noso corazon. ¡Tola de min! ¿N’o aire, dixen? n’o meu corazon inda, mais ¿fora d’el? Aunqu’en verdade, ¿qué lle pasará á un que non sea como se pasas’en todo-l-os demais? ¡En min y en todos! ¡n’a miña alma e n’as alleas!... ¿Mais dirase por eso que me teño por un-ha inspirada, nin que penso haber feito, ô que se di, un libro trascendental? Non, nin eu o quixen, nin me creo con forzas pra tanto. N’o aire andan d’abondo as cousas graves, é certo; facil é conocelas, e hastra falar d’elas; mais son muller, e âs mulleres, apenas s’â propia femenina fraqueza ll’é permitido adiviñalas, sentilas pasar. Nòs somos arpa de soyo duas cordas, a imaxinacion y o sentimiento: n’o eterno panal que traballamos alá n’o intimo, solasmente se dá mel, mais ou menos doce, de mais ou menos puro olido, pero mel sempre, e nada mais que mel. Que s’os problemas que tên ocupados os mais grandes entendementos, teñen algo que ver connosco, é n’entramentras que os que comparten e levan á un-ha con nosoutras os traballos d’a vida, non poden ocultarnos de todo, as suas tristezas e os seus desfalecementos. É d’eles ver as chagas e sondalas e buscarlles procuro, é noso axudarlles a soportalas, mais con feitos iñorados que con palabras e romores. O pensamento d’a muller é lixeiro, góstanos com’âs borboletas, voar de rosa en rosa, sobr’as cousas tamen lixeiras: n’é feito para nos o duro traballo d’a meditacion. Cand’á el n’os entregamos, imprenámolo, sin sabelo siquera, d’a innata debilidade, e se n’os é facil engañar os espiritus frívolos ou pouco acostumados, non soced’o mesmo c’os homes d’estudio e reflecsion, que logo conocen que baixo d’a crara corrente d’a forma non s’atopa mais que o limo insustancial d’as vulgaridades. E n’os dominios d’a especulacion como n’os d’o arte, nada mais inútil nin cruel d’o que o vulgar. D’él fuxo sempre con tod’as miñas forzas, e por non caer en tan gran pecado nunca tentey pasar os límites d’a simple poesía, qu’encontr’âs veces n’un-ha espresion feliz, n’un-ha idea afertunada, aquela cousa sin nome que vay direita como frecha, traspasa as nosas carnes, fainos estremecer, e resoa n’a alma dorida coma un outro ¡ay! que responde ô largo xemido que decote levantan en nos, os dôres d’a terra.
Despois d’o xa dito, ¿tendrey que añadire qu’este meu libro n’é en certa maneira, fillo d’a mesma inspiracion que dou de si os Cantares gallegos? Paréceme que non. Cousa este último d’os meus dias d’esperanza e xuventude, ben se ve que ten algo d’a frescura propia d’a vida que comenza. Mais o meu libro d’hoxe, escrito coma quen dí, en medio de todo-l-os desterros, non pode ter anque quixera o encanto que soye emprestarlles a inocencia d’as primeiras impresiós: que o sol d’a vida, o mesmo que o que aluma o mundo que habitamos, non loce n’os seus albores d’a mesma sorte que cando vay poñerse tristemente, envolto antr’as nubes d’o postreiro outono.
Por outra parte, Galicia era n’os Cantares o obxeto, a alma enteira, mentras que n’este meu libro d’hoxe, âs veces, tan soyo a ocasion, anque sempre o fondo d’o cuadro: que si non pode se non c’a morte, despirse o esprito d’as envolturas, d’a carne, menos pode o poeta prescindir d’o medio en que vive, e d’a natureza que o rodea; ser alleo á seu tempo e deixar de reproducir hastra sin pensalo, a eterna e layada queixa que hoxe eisalan todo-l-os labios. Por eso iñoro o que haxa n’o meu libro d’os propios pesares, ou d’os alleos, anque ben podo telos todos por meus, pois os acostumados â desgracia, chegan á contar por suas as que afrixen os demais. Tanto é así, que n’este meu novo libro, preferin, âs composicions que puderan decirse personales, aquelas outras que, con mais ou menos acerto, espresan as tribulaciós d’os que, uns tras outros, e de distintos modos, vin durante largo tempo, sofrir ô meu arredore. E ¡sófrese tanto n’esta querida terra gallega! Libros enteiros poideran escribirse falando d’o eterno infortunio que afrixe os nosos aldeans e mariñeiros, soya e verdadeira xente d’o traballo n’o noso pais. Vin e sentin as suas penas como si fosen miñas, mais o que me conmoveu sempre, e po-lo tanto non podia deixar de ter un eco n’a miña poesía, foron as innumerables coitas d’as nosas mulleres: criaturas amantes para os seus y os estraños, cheas de sentimento, tan esforzadas de corpo, como brandas de corazon e tamen tan desdichadas que se dixeran nadas solasmentes para rexer cantas fatigas poidan afrixir, a parte mais froxa e inxel d’a humanidade. N’o campo compartindo mitade por mitade c’os seus homes as rudas faenas, n’a casa soportando valerosamente as ansias d’a maternidade, os traballos domesticos e as arideces d’a probeza. Soyas o mais d’o tempo, tendo que traballar de sol á sol, e sin axuda pra mal manterse, pra manter os seus fillos, e quisais o pai valetudinario, parecen condenadas á non atoparen nunca reposo se non n’a tomba.
A emigrazon y o Rey arrebatanlles de contino, o amante, o hirman, o seu home, sosten d’a familia de cote numerosa, e así, abandonadas, chorando o seu desamparo, pasan a amarga vida antr’as incertidumbres d’a esperanza, a negrura d’a soidade y as angustias d’un-ha perene miseria. Y o mais, desconsolador par’elas, é, que os seus homes, vans’indo todos, uns por que ll’os levan, y outros por que o exempro, as necesidades, âs veces un-ha cobiza, anque disculpabre, cega, fannos fuxir, d’o lar querido, d’aquela á quen amaron, d’a esposa xa nay, e d’os numerosos fillos, tan pequeniños qu’inda n’acertan á adiviñar, os desdichados, a orfandade á que os condenan.
Cando n’as suas confianzas, estas probes mártires s’astreven á decirnos os seus sacretos, á chorar os seus amores sempre vivos, á doerse d’as suas penas, descrobese n’elas, tal delicadeza de sentimentos, tan grandes tesouros de ternura (que a inteireza d’o seu carácter n’é bastante á mermar) un-ha abnegacion tan grande, que sin querer, sentímonos inferiores á aquelas oscuras e valerosas heroinas, que viven e morren levando á cabo feitos maravillosos por sempre iñorados, pero cheos de milagres d’amor e d’abismos de perdon. Historias dinas de ser cantadas por mellores poetas d’o qu’eu son, e cuyas santas armonías deberan ser espresadas c’un-ha soya nota e n’un-ha soya corda, n’a corda d’o subrime, e n’a nota d’a delor. Anque sin forzas pra tanto, tentey algo d’eso, sobre todo n’o libro titulado As viudas d’os vivos e as viudas d’os mortos, mais eu mesma conoso que non acertei á decir as cousas qu’era menester. As miñas forzas son cativas, quéreas mayores de quen haya de cantarnos con toda a sua verdade e poesía, tan sencilla como dolorosa epopeya.
. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .
Creerán algús, que, porque como digo tentey falar d’as cousas que se poden chamar homildes, é por que m’esprico n’a nosa lengoa. N’é por eso. As multitudes d’os nosos campos tardarán en lêr estos versos, escritos á causa d’eles, pero sô en certo modo pra eles. O que quixen foy falar un-ha vez mais d’as cousas d’a nosa terra, n’a nosa lengoa, e pagar en certo modo o aprecio e cariño que os Cantares gallegos despertaron en alguns entusiastas. Un libro de trescentas paxinas escrito n’o doce dialecto d’o pais, era n’aquel estonces cousa nova, e pasaba po-lo mesmo todo atrevemento. Aceptárono y, o qu’é mais, aceptárono contentos, e yeu comprendin que desd’ese momento quedaba obrigada á que non fose o primeiro y o ultimo. N’era cousa de chamar as xentes â guerra, e desertar d’a bandeira qu’eu mesma habia levantado.
Alá van pois, as Follas novas, que mellor se dirian vellas por que o son, e ultimas, por que pagada xa a deuda en que me parecia estar c’o a miña terra, difícil é que volva á escribir mais versos n’a lengua materna. Alá van, en busca, non de triunfos, senon de perdós, non de alabanzas, senon d’olvidos, non d’as predilecciós d’outros tempos, se non d’a beninidade que di d’os maos libros—¡Deixalos pasar!—Ey o qu’eu deseyo—Que o deixen pasar, como un romor mais, como un perfume agreste que nos trai consigo algo d’aquela poesía, que nacendo n’as vastas soidades, n’as campías sempre verdes d’a nosa terra, e n’as prayas sempre hermosas d’os nosos mares, ven direitamente á buscar o natural agarimo n’os corazós que sufren e aman esta querida terra de Galicia.
Santiago, 30 de Marzo de 1880.