* * *

Xigantescos olmos, mirtos

Que brancas frores ostentan

Un-has con cogollos inda,

Outras que o vento esfollea.

Buxos que xa contan sigros

E que xuntos verdeguean

Formando de rama e troncos

Valos que naide atravesa;

E n’os que moy descansadas

Fan o seu niño as culebras.

Loureiros irmans d’os buxos

Po-la altura y a nacenza,

Pois arraigaron á un tempo

N’o mais profundo d’a terra.

Limoeiros e laranxos

Qu’o verde musgo sombrean

Y olido esparcen d’azare

Con que a xente se recrea.

Eternos bosques en donde

Sombrio misterio reina,

Onde sô os paxaros cruzan

Po-las tristes alamedas

Onde ô marmular as fontes

Un coidara que se queixan,

Y ond’o mesmo sol d’o estio

Melancónico penetra.

Y en medio d’esta espesura

E d’esta hermosa tristeza

Nun-ha casa inda mais triste,

Sí de fachada soberba,

Alí din que ten o niño

A nai de toda-las meigas:

Casa con portas de cedro,

En cada ventana reixa,

Cociña coma de monxes,

Silencio coma d’igrexa,

Criados que non dan fala,

Cans que morden como feras,

Alí a viron negra e fraca

Com’un-ha gata famenta

N’o mais san e mais frorido

D’a hermosa terra gallega.

Y estes mals que nos afrixen

Din que todos veñen d’ela...

¡Mais socede n’esta vida

Que os que tên culpa n’a levan!