* * *

—Para a vida, para a morte,

E para sempre en jamás,

Pedint’á Dios, e Dios dóuteme

Por toda unha eternidá.

Para a vida, para a morte,

E para sempre en jamás,

Quero ser vosa, e que séades

O meu Señor natural.

—Mais a que así querer sabe

Non debe ter pai n’irman,

Nin home, s’é qu’é casada,

Nin fillos, s’acaso é nay.

—Espanta o qu’estás decindo...

Mais eu sinto qu’é verdá;

Lévame, señor, qu’irey

Ônde me queiras levar...

—Pois vente... ¿Qu’importa o mundo

Á quen ten a eternidá?

Xuntos hemos de vivir,

Xuntos nos han d’enterrar.

E os nosos corpos aquí,

E as nosas almas alá,

Quer Dios qu’en union eterna

Estén pra sempre jamás...

Cal ô paxaro a serpente,

Cal â pomba o gavilan,

Arrincouna d’o seu niño

E xa nunca á él volverá.