Un-ha tarde alá en Castilla
Brilaba o sol cal decote
N’aqueles desertos brila.
Craro, ardoroso e insolente,
Con perdon d’él, pois n’é modo
Aquel de queima-l-a xente,
E secar con tales brios
A probe inxeliña pranta,
A fonte, os sedentos rios.
Un-ha tarde, ¡ou que tristeza
M’acometeu tan traidora,
Vendom’en tal aspereza!
¡Á donde vin a parar!
Pensaba mirand’o ceo
Par’a terra non mirar.
Por qu’o ceo era, eso si,
Un mais ou menos azul,
Com’o que temos aquí.
Mentras que’a terra ¡bon Dios!...
Señor, ¿posibre será
Que aquela a fixeses vos?
Mais ¿por qu’estrañarme tal
S’as cousas que vos facés
Jamás as facedes mal?
Fixestes tan tristes llanos,
Mais fixecheos, Dios cremente,
Soyo para os castellanos.
¡Ay! cada pomba ô seu niño,
Cada conexo ô seu tobo,
Cada yalma ô seu cariño.
Aquesto m’eu repetia
N’aquela tarde, recordo
De negra malencolía.
E namentras, contempraba
D’a igual, extensa llanura
A terra que branqueaba.
D’o largo pinar cansado
A negra mancha sin término,
D’o puebro o color queimado.
Y antr’o chan y o firmamento
As nubes de denso polvo,
Qu’iba levantand’o vento.
¡D’o deserto fiel imaxe,
C’o mesmo alento de brasa,
C’o mesmo ardente coraxe!
Ô lonxe o mular pasaba,
Viña a tourada mais preto,
A ovella enferma balaba.
E n’o xa queimado espiño
Fuxindo d’o sol ardente
Pousabase o paxariño.
¡Dios mio, que ansia cativa!
Pesaba en min a tristeza
Cal se m’enterrasen viva.
Lembranzas d’a terra hermosa,
Calmá c’a vosa frescura
As penas d’alma chorosa.
Por qu’ese sedento rio
Envolto en malinas brétemas,
Dá callentura, dá frio.
De pronto oin un cantar,
Cantar que me conmoveu
Hastra facerme acorar.
Era a gallega canzon,
Era o ¡alalá!... que fixo
Bater o meu corazon.
Con un estraño bater,
Doce, com’o ben amar,
Fero, com’o padecer.
De polvo e sudor cubertos
C’a fouce ô lombo, corrian
Por aquês campos desertos,
Un fato de segadores...
¡Y eran eles, eran eles,
Os meigos d’os cantadores!
¡Adios, pinares queimados!
¡Adios, abrasadas terras
E cómaros desolados!
Pechei os ollos e vin...
Vin fontes, prados e veigas
Tendidos ô pé de min.
Mais cand’á abrilos tornei,
Morrendo de soidades,
Toda á chorar me matei.
E non parei de chorar
Nunc’hastra que de Castela
Ouveronme de levar.
Levaronme para n’ela
Non me teren qu’enterrar.