Tí, a feiticeira e branca coma’as neves,
Y a linda, antr’as millores,
Tí, arrededor de quen, cal as abellas
A redor d’un-ha rosa, andan os homes,
(Xente qu’o mesmo acaso qu’as mulleres
É dada á toda crase de traizoes);
Non queiras en jamás, s’és queridora,
Non dones en jamás mas que che donen,
S’é que te firen, miña prenda rîte,
S’é que t’engañan, meu amor, non chores.
Vé que pasou o tempo d’as Corinas
Y o mais qu’ora se sofre,
Só porque non se diga,
É rabiar cant’un pode.
—¡Rabiar no mais... dixera que mentides!
—Sí, sí, rabear ben forte;
Mas c’a rabia picante e aguilloeira
Qu’é salsa apetitosa d’as pasioes.
¿Que fora ¡ou Dios! sin os asentes feros
D’os estómagos probes?
D’os corazós d’o dia,
¿Que fora sin as rabias, meu amore?