E ti, campana d’ Anllons,
que roucamente tocando
derramas nos corazons
un bálsamo triste e brando
de pasadas ilusions;
Alá nos pasados ventos,
primeiros da miña vida,
ouzo os teus vagos concentos,
reló dos tristes momentos
da miña patria querida.
Cantas veces te lembrou
o que marchou para a guerra
cando á sua nai deixou
e partindo á estraña terra
de suidades chorou!
Cantas do mar africano,
cautivo bergantiñan,
oío n’ un sono tirano
o teu tocar soberano,
aló nas tardes do vran!
Cando te sinto tocar,
campana d’ Anllons, doente,
n’ unha noite de luar,
rompo triste a salayar
por causas d’ un mal ausente.
Cando doida tocabas
po-las tardes á oración,
campana, sempre falabas
palabras con que cortabas
as cordas do corazón.
Estabas contando aos ventos
cousas do meu mal presente,
os meus futuros tormentos,
que dabas con sentimentos,
segun tocabas doente.
Campana, se po-lo vran
ves lumiar na Ponte-Ceso
a cachela de San Xoan,
dille á todos que estou preso
nos calabozos d’ Orán.
E á aquela rula inocente
que me morria d’ amor
no regazo docemente,
tremando como unha fror
sobre escondida corrente,
diráslle que unha de ferro
arrastro rouca cadea,
castigo atroz do meu erro;
e que dentro d’ este encerro
o seu amor me alumea.
E ti, anduriña errante
dos longos campos d’ Arxel,
se á miña patria distante
te leva o voxo constante,
dille o meu penar cruel.
Se alguen por min preguntar,
dille que estou en prisions;
e unha noite de luar
iráste unha vez pousar
no campanario d’ Anllons.
Así triste en terra allea,
aló nas prisions d’ Orán,
cantaba un mozo d’ aldea;
e nos grillons da cadea
levaba o compás co’ a man.